"A este paso, cando sexamos maiores haberá no mar máis plástico que peixes", avisa un dos 40 concienciados alumnos e alumnas de catro anos do Ceip Nazaret que participaron na elaboración de dous paneis coas riquezas do mar e cos residuos que as poñen en perigo. Coordinados polas mestras Almudena Marcos e Miriam Fernández, a brigada anticontaminación dedicou parte do curso escolar que agora remata a recoller testemuñas da vida dos mariñeiros, a coñecer as artes de pesca, a faenar coas mariscadoras de Moaña ou a comprobar de cerca a actividade que se desenvolve a diario nas bateas mexilloeiras ou en prazas de abastos como as de Cangas ou Bueu cos froitos que saen do océano.

"Cuando vayamos a comer peixes comeremos plásticos y nos dolerán los dientes", comenta outra rapaza que se bate para tomar a palabra entre outros compañeiros levantando a man durante a visita que fixeron onte á exposición que acolle o consistorio cangués e da que eles son artífices. "As palliñas dos refrescos tamén son malas porque os cabaliños de mar engánchanse a elas e intentan procrear pensando que son coma eles", sinala outro alumno, que constata o ben aprendida que teñen a lección porque traballaron directamente coa materia prima, coa estreita colaboración das familias.

Botellas de refresco, distintos modelos de zapatos, perchas da roupa, botes de desodorante, restos de aparellos e outros moitos obxectos entre os que destacan un amplo surtido de mecheiros que acaban formando parte do entorno mariño e distorsionando nun hábitat que non é o seu. "Estes residuos atopados por nenos e nenas de catro anos nas praias do Morrazo representan unha historia de terror", anuncian aos visitantes. Trátase de 138 obxectos que "baqueteados pola oleaxe", acaba descompoñéndose en anaquiños, e "moitos deles serán inxeridos por animais mariños e, finalmente, formarán parte da cadea alimentaria dos humáns". Deste xeito, "poderá vostede acabar intoxicado cos seus propios residuos, coma se fora unha vinganza poética urdida por un planeta ameazado". O que avisa non é traidor.

A mensaxe que intenta trasladar este activo grupo medioambiental coas ensinanzas que recibiron das súas experiencias é que hai que coidar o entorno, que está ameazado, e queren "provocar no espectador un exercicio de concienciación e actuación" para revertir o estado de cousas. Un libro realizado ao longo do curso, "Bogui e a anilla de plástico", deixa unha pegada artística nese traballo de sensibilización que pode compartirse á entrada no consistorio. Pero como tamén de cancións viven os mariñeiros, en corpo e espíritu, os pequenos recopiladores da súa memoria partiron onte cantando cara Nazaret: "Unha lancha de Marín, coa proa de carbaaallooo..."