Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Artista de vangarda e cunha gran faceta musical

Unha caricatura do propio Xulio Formoso. //Xulio Formoso

Xulio Formoso naceu en Vigo no ano 1949 e estudou bacharelato na cidade viguesa e en Bueu. Logo rematou os seus estudo no Liceo Gustavo Herrera de Caracas, cidade onde reside dende 1965.

Foi membro fundador do grupo de teatro Rajatabla en 1971, a súa actividade centrouse na música como cantautor. En 1970 publica o álbume "Galicia canta", gravado e editado en Caracas, e concebido e producido coa intervención directa e persoal do poeta Celso Emilio Ferreiro, que participou nunha das cancións, "Pandeirada do Ché", tocando o pandeiro con Formoso. Varias das cancións que compuso e gravou neste disco foron versionadas e gravadas por outros artistas como Pilocha e Luar na Lubre. A súa traxectoria musical foi moi intensa naqueles anos e escapou por pouco de Chile, onde estaba para gravar un disco con temas chilenos, cando se produciu o golpe de Estado contra Allende. A súa actividade musical redúcese dende 1980, cando se gradua como enxeñeiro e se adica profesionalmente a este campo. En 2002 retornou con dous concertos no Teatro Juan Bautista Plaza, rexistrados nun disco baixo o título "En el JB Plaza". En 2004 compuso "Cantata a Bolívar" e en 2006 cancións para o disco "Canções perversas", gravado e editado en Brasil e interpretado por George Durand.

Sempre se desenvolveu como artista plástico de vangarda. A súa última exposición, "Objetos dispersos", tivo lugar en 2008 na Galería Red de Arte de Caracas, onde mostrou debuxos e pinturas en grande formato enmarcados dentro da corrente artística do Pop Art. Dende 2007, escribe como columnista e articulista en diversas publicacións culturais venezolanas. Dende 2013 colabora en FARO DE VIGO, no que ilustra textos de Francisco R. Pastoriza.

Compartir el artículo

stats