Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Xosé Silvar "Sés": "O que me move é a rabia contra un sistema xenocida co que non é rendible"

"Que a xente acolla as miñas cancións como himnos é unha louvanza", di

Os tintes galegos no SonRías Baixas estarán representados por artistas como Sés. A cantora é un auténtico fenómeno social que chega cun novo disco ,"Opoñerse á extinción", no que presenta novas sonoridades e co que vai encher o escenario de honestidade e denuncia. Ela abre hoxe o festival a partir das 20.00 horas.

- "Opoñerse a extinción" é o seu cuarto álbum. Ten un estilo diferente aos anteriores?

-É diferente porque eu son diferente. É un disco que está máis medrado, coma min.Segue a liña dos anteriores, doce temas escollidos con diferentes sonoridades para compoñer unha obra dinámica, orgánica, pero sobre todo amena. A min non me gustan os discos aborrecidos, o que me gusta é que haxa dinámica no disco. Unha característica que nunca os abandona é que o principal son as cancións, a individualidade de cada unha delas e o respecto ao carácter de cada tema.

-O título do disco xa é unha reivindicación en sí mesma.

-Escollín un verso dun dos temas, "Co sorriso ante a malicia". Gustoume porque reflicte moi ben o que a min me move, o que me da forzas. É esa rabia ante a inxusticia dun sistema que é xenocida con todo aquilo que non é rendible economicamente.

-Isto é o que reivindica en todo o álbum?

-Sempre hai unha dinámica transversal. A reclamación da igualdade é unha temática transversal tanto na temática como nos directos.Ao final os álbumes asínoos eu e iso é o que eu son. Pero non hai unha construción voluntaria dunha reclamación, é a miña forma de ser e a miña personalidade.

-Algúns definen as súas canciones como himnos. Que diría disto?

-Eu agradézolles moito que digan iso porque é unha louvanza moi grande. O que máis me gusta diso é que é o himno dalgo que representa unha colectividade e eu son capaz de escribir algo co que se identifican. Iso é o que máis me interesa, que sigue existindo, aínda que sexa residualmente, o pobo. Non unha masa inerte sen capacidade de ser mobilizada. Ao final é o que a min máis me alenta.

-É difícil triunfar no mundo da música cantando en galego?

-Non máis complicado do que é triunfar internacionalmente en holandés ou en noregués, só que eles non teñen que soportar esta pregunta continuamente. Porque viven en entornos lingüísticamente normalizados e non é o meu caso.

-Está emocionada por cantar no SonRías Baixas?

-A min gústanme todos os escenarios. Non porque un sexa máis grande ca outro, se che digo a verdade, a min gústame sempre. Sobre todo o que máis me emociona de cantar no SonRías é cantar ese día con Ámparo Sánchez, que é unha muller que me merece moitísimo respecto. Unha muller que se sube ao escenario a vender exclusivamente a súa música e que non fixo alarde nunca de ser un obxecto sexual, como é común dentro deste gremio.

Compartir el artículo

stats