Montse Dopico e María Obelleiro son as novas gañadoras do Premio Johán Carballeira de xornalismo. Por primeira vez dende a súa creación o premio entregarase ex aequo ou de maneira compartida. O xurado decidiu premiar sendos artigos que ao seu entender reflicten a “esencia” do xornalismo de Johán Carballeira e que son “dous modelos de esixencia técnica e de investigación”, combinando dous enfoques que son fundamentais para este galardón: o cultural e o social.

Este ano presentáronse case vinte traballos e o tribunal escolleu o de Montse Dopico, titulado “Galaxia vs Galaxia. A construción da hexemonía cultural”, publicado na revista Luzes e no que resalta “a utilización dos diálogos entre dúas persoas que ofrecen visións distintas sobre un feito histórico”. No caso de María Obelleiro premise un texto titulado “O apartheid sanitario na Galiza”, publicado en Sermos. Neste caso, o xurado destaca que “dá voz ás persoas que non teñen unha presenza habitual nos medios e a incidencia na diversidade coral para a análise dun tema tan lacerante coma o da discriminación na sanidade que sofren as persoas inmigrantes”.

Ambas xornalistas recibirán un premio de 750 euros durante un acto que se celebrará o vindeiro mes de maio con motivo da Semana das Letras Galegas. O vindeiro 6 de maio terá que reunirse o xurado do certame de poesía, para o que este ano se presentaron cerca de medio cento de poemarios.