Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Cangas 1960-1975 (III)

En 1969 estreáronse "La doncella es peligrosa" e "A volta do mar", baseada nos naufraxios do "Ave do Mar" e "Centoleira"

Portada de "La doncella es peligrosa). // Arquivo Lina Gallego

Dirixía os ensaios Benedicto Nogueira, traballador de Citroën, quen posuía coñecementos e afección polo teatro. Unha afección debida, probablemente, ao seu paso polos salesianos. Un director maravilloso e gran persoa, segundo o parecer de Lina e do grupo en xeral tal e como se manifestou nos aplausos que recibíu o día da estrea. (Foto. Faro de Vigo. Morrazo. 17 de xullo 2016)

"La doncella es peligrosa" é unha comedia en tres actos do autor francés Serge Veber en adaptación libre de Luís Tejedor. Ainda que ningunha persoa das entrevistadas conserva o libreto, deduzo que o texto estaba publicado na coñecida -e moi útil para os grupos de teatro- Colección Teatro da Editorial Escelicer que de 1951 a 1976 chegou a editar cerca de 800 títulos. O que si é certo e que as copias foron mecanografadas para tod@s, actrices e actores, por alguén do grupo que tiña acceso a unha máquina de escribir.

A obra é un xoguete cómico, un vodevil con todos os recursos e licencias do xénero coa intención de distraer. Todo comeza coa viaxe de Madeleine, a señora da casa -María Chapela- que vai visitar a súa nai ao pobo. Fernando, o marido -Emilio Comesaña- aproveitando a ausencia da súa muller toma certas liberdades con Ivone, "la doncella" -interpretada por Lina Gallego- sen ter en conta que todo era unha trampa argallada por Madeleine para collelo in fraganti e demostrar as súas infidelidades.

Mentres, todos son sorprendidos por Federico, o pai de Fernando -Toño Sotelo- un moralista que vén comprobar se o seu fillo leva unha vida matrimonial exemplar pois do contrario retiraralle o cheque que recibe a final de mes. Para liar máis o asunto todos teñen que finxir o que non é e seguirlle a corrente a Federico. O porteiro da casa -Paco Marcos- será un personaxe fundamental na trama.

Enredos, situación disparatadas e graciosísimos equívocos. A risa. Un éxito de público. A escenografía: as lámpadas, o tresillo, o cadro, as cadeiras?foron xentilmente cedidos pola moblería La Alianza, na rúa Real.

En 1969 xunto a peza "La doncella es peligrosa" estreouse tamén no Cine Calvar -alugado por 500 pesetas- "A volta do mar", que como xa comentei foi unha obra colectiva do grupo na que participou na creación dos diálogos en galego Eduardo Mallo, o crego, ainda que logo non subirá ao escenario? Segundo Eberto Pena o tema xurdira como lembranza dos naufraxios do "Ave do mar", en novembro de 1956, e o do "Centoleira", en xaneiro de 1964. Unha traxedia para Moaña e para o Morrazo.

A acción é moi sinxela. Taberna mariñeira. A dona -Lina- con dúas fillas, cando arriban os homes do mar co peixe e a tomar un viño, pregunta polo seu home que non da chegado.Temor entre todos ao naufraxio. O desenlace é feliz cando aparece o home da taberneira e o resto da tripulación.

As cancións van marcando os diferentes momentos: Á chegada dos mariñeiros á taberna escoitánse, desde a cociña, as voces das fillas - Carmina Barranco e Elisa Ocaña de Nuevas Amistades- que interpretan: "Donde voy encontrar un amor como tú/que nació al escuchar la brisa del mar, bajo un cielo azul?". Nos momentos de inquedanza polo retraso dos mariñeiros, cántase: "Esta noche no alumbra la farola del mar/esta noche no alumbra porque no tiene gas"?

E xa todos xuntos, coas cuncas de viño:" Catro vellos mariñeiros/ xuntos metidos nun bote/ boga boga mariñeiro"?. "eu namorar, eu namorar, eu namoreime/eu namoreime na beira do mar.

E as fillas da patrona, entoan:"Miña nai xa non me caso cun mariñeiro,cun mariñeiro porque cando ven do mar cheo de frío pouco diñeiro?". E cae o pano con: "Lévame lévame, lévame lévame á beira do mar?"

Cancións de taberna moi ben acollidas pola xente.

Esta peza participou despois na homenaxe "Ao Home do Mar" que se lle fixo en Cangas no Campo de fútbol de Massó. Tamén, por esta época, actuaron no Colexio de Hío.

Compartir el artículo

stats