Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Salvador Rodríguez: "Algo de máxico terá Bueu cando unha das mellores novelas está inspirada nel"

Presenta mañán o seu libro "Liboreiro Blues", primeiro da editorial Bueu Edicións

Salvador Rodríguez ante unha pila de xornais. // Eli Regueira

Salvador Rodríguez é o autor de "Liboreiro Blues", primeiro libro da nova editorial Bueu Edicións, que se presenta mañán sábado no Centro Social do Mar a partir das 18.00 horas. No acto, ademáis do autor, intervirán o historiador local Arturo Sánchez Cidrás, o editor César García Santiago e o alcalde Félix Juncal. En "Liboreiro Blues", reúne unha escolma de textos que, en palabras do autor, "quixen que xirasen arredor das xentes e das pequenas historias de Bueu , que cheirasen a sardiñas asadas, a polbo á feira, a Pirulla, a Pescadoira, a Banda do Río, a Meiro, a Beluso, a Sela?e que soubesen a tinta fémia, a cervexa fresca, a noite, e tamén a tute subastado e a pintar a ghodaia, a vou nun bou e a pirilleira?".

-Un libro dun autor de Bueu e centrado en Bueu. Non hai mellor maneira para estrear sello editorial "Bueu Edicións".

-Sendo de onde de son, é lóxico que para mín sexa toda unha honra inaugurar unha editorial que leva o nome de Bueu. Claro que nisto ten moito ver o libreiro Fernando Miranda, ao que lle comentei a idea, e que foi o que me puxo en contacto con César García Santiago, que é o director de Bueu Edicións, e que confiou en "Liboreiro Blues" desde o primeiro momento.

-Xa tiña en mente esta recompilación de textos antes de que a César García Santiago e a ese hiperactivo libreiro Fernando Miranda se lles ocurrise a idea de "Bueu Edicións" ou foi a excusa perfecta?

-Eu tiña previsto publicar un libro cunha selección dalgúns dos meus traballos xornalísticos, no estilo de "Memoria de náufagos". Pero nun intre dado, decateime de que entre os textos que eu seleccionara había moitos dedicados ou inspirados en Bueu e no Morrazo. A partir de ahí, alúmbrouseme a bombilla, busquei máis textos ata que que reunín os que agora forman parte do libro. No proceso, escribín algún que outro novo e descartei outros que me parecía que rompían a liña emotiva e sentimental.

-Non deixa de ser curioso que na era dixital e das redes sociais sigan xurdindo iniciativas vencelladas ao papel. Ilusión ou directamente temeridade? Mestura de ambas?

-É certo que hai quen pronostica a fin dos tempos do papel, pero esa é unha opinión que non comparto por razóns que non veñen a conto agora. Por outra banda, o que penso que si ten moito futuro son este tipo de iniciativas de editoriais locais, que abordan temáticas e historias moi vencelladas aos veciños. César García Santiago leva apostando por esta liña en Asturias, coa súa editorial La Cruz del Grado, e a súa experiencia vai ser fundamental para que Bueu Edicións saia adiante.

-O Liboreiro, ese monte tótem para os de Bueu, "chora a metade que lle extirparon" coa construción do Corredor? Por iso o título de "Liboreiro blues"?

-Ten moito ver, pero hai outra razón: Liboreiro Blues era o título dunha sección que eu tiña no FARO DE VIGO cando se iniciou a edición do Morrazo. Neste senso, pódese decir que roubeime o título a min mesmo.

-Non podo evitar a sensación de que algúns dos retazos de memoria que compoñen o libro desprenden certo sentimento de que calquera tempo pasado foi mellor. Ou son só os efectos propios dun exercicio de nostalxia?

--Se temos en conta que a maioría destas historias aconteceron cando eu era máis novo pois si, claro: calquera tempo pasado foi mellor porque eu era máis xóven, pero non por outra razón. Ademáis, xa se sabe que a memoria é selectiva: cadaquén prefire lembrar as cousas boas do pasado, e procura esquecer as malas, que por suposto tamén as houbo. De todas formas, Bueu está hoxe moito mellor que fai dez, quince, vinte ou corenta anos, e inda porriba segue a conservar o seu especial encanto.

-Ao longo do libro fala de múltiples personaxes, tanto da familia como de xente que dalgunha maneira pasou pola súa vida. Voulle preguntar por dúas. Cre que vostede sería o mesmo se no seu camiño non se chega a cruzar ese miragre de Don Manuel "Omil" e ese profesor de Literatura do "institutu" chamado Constantino que non obrigaba aos seus alumnos a ler, senon que lles avivaba a curiosidade?

-Os dous foron mestres meus, pero a relación que tiven con eles foi moi distinta. Don Manuel Omil converteuse nun dos meus mellores amigos, pero non tanto na época en que me daba clase como profesor de Matemáticas, senón moitos anos despois, cando compartíamos charlas co seu fillo Manolo no "Fazanes" , no "Arume" ou no "Meco". Constantino foi o meu profesor durante un ano, en primeiro de BUP, e seguro que ten que ver no meu primixenio interese pola literatura. A súa frase "Sentireime satisfeito con que a un só dos meus alumnos lle guste ler cando sexa adulto" quedoume gravada para sempre.

-Esa galería de personaxes compón unha imaxe moi literaria de Bueu, incluso con certas reminiscencias a "Los gozos y las sombras", que tamén recorda nun dos seus retazos. É realmente Bueu un pobo con tantas personaxes singulares ou só fai falla subir A Pirulla do Liboreiro particular de cada pobo para ter unha perspectiva distinta do que nos rodea?

-Non podo ser obxectivo falando de Bueu. Para mín é o mellor sitio do mundo, pero iso mesmo dirán das súas vilas os que naceron en Cangas, en Moaña, en Marín?Agora ben: digo eu que algo terá de máxico, de especial, o meu pobo cando unha das mellores novelas da historia da literatura española está inspirada nel. A esa conclusión debeu chegar o mesmísimo Torrente Ballester? e non vou ser eu quen lle quite a razón a don Gonzalo que, polo demais, en boca do seu persoaxe don Cayetano, atribuía a peculiar maneira de ser dos que somos de Bueu ao vento do Norte e mais ao tinta fémia?.un viño moi eloxiado, por certo, por outros escritores como Álvaro Cunqueiro e Xosé María Castroviejo, devotos de "san" Juanito Santos, alias Paquito El Relojero en "Los gozos y las sombras".

-Agora seica ve a "patria da Praia-Praia" de Bueu dende a outra beira da ría de Pontevedra. Mírase diferente a patria dende a distancia que dende dentro?

--Levo cinco anos residindo fora de Bueu e, ainda que estou aí moi regularmente e que vivo moi perto, en Pontevedra, non hai que como estar fora de Bueu para aprender a querela moito máis.

- Teño que preguntarlle pola foto que escolleu para a portada. Aparece vostede de "marinerito" de Primera Comuñón, un posteriormente candidato á Alcaldía de Bueu por parte do PP e outra personaxe que confeso que non sei quen é. Por que esa imaxe?

---Supoño que o do candidato á alcaldía de Bueu foi unha información que conseguiu "off the record" porque eu ata agora non llo contei case a ningúen. De feito, é unha descoberta que tiña reservada para o día da presentación do libro. O outro rapaz chámase Luis e, con Pepe (daquela Pepiño) eran os meus dous mellores amigos cando eu vivía na Ramorta. A foto está tomada dende a terraza na que eu, con catalexos, ollaba as "batallas" entre os do Cristo e os da Banda do Río nas ribeiras do río Bispo.

Compartir el artículo

stats