Crear un marco de debate e reflexión sobre temas de saúde, ofrecer recursos informativos para adquirir coñecementos nesta materia, fomentar a participación cidadá, favorecer hábitos saudables e promover a igualdade na prevención. Son algúns dos obxectivos das X Xornadas de Educación para a Saúde, que se celebrarán en Cangas os días 30 de xuño e 1, 2, 3, 4 e 5 de xullo, organizadas polas concellerías de Igualdade e de Benestar, o Centro de Información á Muller (CIM) e o Equipo de Prevención de Drogodependencias.

As Xornadas acadan a súa décima edición, que "avalan o seu éxito", segundo sinalou onte o concelleiro Óliver Álvarez durante a presentación do programa de actividades. O luns día 30 versará sobre "Ecosaúde e consumo saudable", que estará dirixido por Verónica Campos, educadora ambiental. Desde a óptica ecoloxista, fará unha reflexión e denuncia do consumismo. Os dous días seguintes -martes 1 e mércores 2- tratarán de creatividade corporal e danza libre, e as sesións serán impartidas por Maite Campos, da escola de expresión Abra.

"Tacto consciente e masaxe para as relacións" será o título do taller do xoves 3, impartido por Rosana Portela, da asociación Latexo, que tratará da automasaxe e da relación a través do tacto e as caricias. E Ismael Rodríguez, monitor e artista plástico, será o encargado de impartir o taller "A saúde a través do arte", utilizando arcilla e acuarelas para traballar as emocións a través de experiencias plásticas. Todas estas actividades terán lugar de sete a nove da tarde na Casa da Cultura, e como novidade, este ano existe un servizo de atención a menores, coa posibilidade de inscribir ós fillos e fillas en actividades alternativas para permitir a participación das nais e pais. Para participar no programa completo ou en obradoiros individuais -cun cupo máximo de 20 prazas- é necesario inscribirse nas dependencias municipais.

Mercadillo do trueque

Outra das novidades desta décima edición é a celebración dun "Mercadillo do Trueque Vella", que terá lugar na alameda o sábado día 5, de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha experiencia piloto na que os participantes poden intercambiar obxectos e servizos, seguindo un modelo semellante ó "banco de tempo". Así, poden aproveitarse as capacidades propias e alleas, ó tempo que se alerta contra o consumo masivo ó que se entrega a actual sociedade, segundo explicaron onte a directora do CIM, Paula Tenorio, e o técnico en prevención de drogodependencias Alberto Casqueiro. O concelleiro Óliver Álvarez sinalou que o obxectivo último das Xornadas é "mellorar a saúde biopsicosocial e a calidade de vida dos veciños e veciñas".