O certame #SilledaCreanaCasa, posto en marcha polas concellerías de Cultura, de Comercio e de Educación para fomentar a creatividade durante o confinamento e axudar ao mesmo tempo ao comercio local, xa ten gañadores. Os galardóns entregaránse o vindeiro luns ás 12:00 horas. Así mesmo, todos os nenos e nenas que participaron están xa recollendo nas dependencias municipais os libros en galego mercados nas librarías locais cos que se premia a participación nesta iniciativa, que se abriu para toda a veciñanza de Silleda.

No apartado de escrita, para maiores de 13 anos, a gañadora é Begoña Castro Villaverde, veciña de Escuadro, polo relato breve "A miña fiestra"; o segundo premio é para Natalia Conde, autora do poema que leva por título "O meu sentir". O terceiro premio é para Alberto Álvarez Doval, polo poema "Buxos Verdes". Os galardóns están dotados con vales de compra por valor de 500, 300 e 200 euros.

No apartado infantil, de 6 a 13 anos, os máis cativos participaron no certame con debuxos e outras creacións artísticas. Neste caso, e ante a elevada participación modificaronse os premios ampliando o número de galardóns, cuestión que permitían as bases do certame.

Así o primeiro premio é para Nuria Crespo Casal, o segundo para Marco Pereiras Rivas; o terceiro para Lía García Quinteiro, o cuarto para Nuno Baamonde Lázara e outórgase tamén un quinto para Noa González Camanzo.

Dende o Concello agradécese a participación de todas as persoas que presentaron traballos así como a colaboración das que formaron parte dos dous xurados: as xornalistas Ana Cabaleiro, Salomé Soutelo e Rocío Ramos e os artistas silledenses Marisa Miguélez e José Antonio Fondevila. "Estamos moi satisfeitos con esta iniciativa, non só pola calidade dos traballos senon pola elevada participación", indica a concelleira de Cultura, Mónica González. Ademais de potenciar a creatividade durante a etapa do confinamento esta iniciativa servirá para continuar colaborando co comercio local, na liña do programa integral Silleda Reactiva, con axudas directas ou a campaña de promoción do comercio de proximidade no municipio.