Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cruces pón a igualdade a levedar

Tres mozas do concello presentan mañá un colectivo feminista aberto a toda a veciñanza e que arrinca cunha análise dos contidos machistas das coplas tradicionais

Paula Rivela, Nerea Fiuza e Carlota Salgado son as fundadoras do colectivo.

Mañá, véspera do Día Internacional da Muller, o auditorio Xosé Casal, de Vila de Cruces, acolle a I Xornada Feminista na Vila. É a presentación oficial de Levedar Colectivo Feminista, un grupo de traballo que poñen en marcha Carlota Salgado, Nerea Fiuza en Paula Rivela. A intención é que este grupo "plantexe unha dinámica de contidos por e para as mulleres, pero coa idea de ser para todos a veciñanza", explica Salgado.

Será unha plataforma interxeracional que vai organizar un calendario de actividades ao longo de todo o ano. A primeira delas, como dicíamos, será mañá a partir das 11.00 horas. Inclúe un obradoiro de percusión miúda e canto tradicional. Servirá para que os asistentes analicen os contidos machistas que se agochan nas letras das coplas tradicionais. Moitas veces, estas letras pasan desapercibidas por estaren asimiladas, e por iso é tan necesario abordar a mensaxe que tentan transmitir. Neste obradoiro, transformaranse estas letras.

Será unha xuntanza á que están invitados todos os veciños e veciñas, e por suposto as persoas que forman parte das asociacións de mulleres rurais que están activas no municipio. Neste senso, Carlota Salgado deixa claro que Levedar e os colectivos de mulleres rurais son entidades distintas, posto que estes teñen as súas propias dinámicas. Ademais das sucesivas actividades que organice, Levedar contará cun blog. "Seremos unha entidade moi aberta, que abordará tamén formatos de novas masculinidades", engade.

Neste sentido, Carlota Salgado apunta as dificultades para facer entender que o feminismo non é unha ferramenta de exclusión do xénero masculino e que en ningún momento ataca aos homes. Aclara que este movemento "chama polos dereitos das mulleres e debe instruir en novos modelos". Ao preguntarlle por cómo é no día a día en Vila de Cruces a loita pola igualdade de dereitos, afirma que "o machismo está á orde do día, no ámbito cotián hai moitos micromachismos, pero tamén é certo que cada vez a xente está máis concienciada". Tamén bota en falta que desde as instituscións non haxa un papel máis activo para frear actitudes, comportamentos e situacións machistas. "Dende os colectivos xorden moitas cousas, a pesar do custo material" que deben asumir este tipo de asociacións para labores de sensibilización, por exemplo.

Ademais das asociacións de mulleres, ao acto de mañá tamén están invitados mozos e mozas, así como os estudantes do instituto Marco do Camballón, no que se formaron tanto Carlota Salgado como Nerea Fiuza. Neste centro educativo impártese, por terceiro ano consecutivo, a materia de Igualdade de Xénero. É unha asignatura de libre configuración e dela encárgase a profesora Montserrat Sanmartín. Neste curso conta con 38 matriculados.

Á espera de coñecer as futuras actividades de Levedar, é posible que sigan o formato de obradoiros e colaboracionismos, porque permiten intercambiar experiencias e ideas. Como quen comparte unha receta dun postre. E de aí o nome metafórico de levedar."É unha palabra que supón a imaxe visual de crecemento", apunta Salgado.

Compartir el artículo

stats