Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Óscar Vilar Vidueiros: "Estar no padroado da Solaina servirame para ser mellor persoa "

"Paco Lareo era un gran artista, un gran amigo e sempre a disposición de todos"

Vilar, onte na Solaina, co cartel da carreira de Lalín. // Bernabé/Javier Lalín

Óscar Vidal Vidueiros é o deseñador do cartel da X Carreira do Cocido, que se celebrará en Lalín o 9 de febreiro. Ademais, hai unha semana incorporouse ao padroado da Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño de Vila de Cruces.

-Como lle propuxeron facer o cartel da carreira do Cocido?

-Propuxéronmo desde a escola de atletismo de Lalín, pero penso que foi porque deseñei antes o cartel da carreira do Galo de Vila de Cruces e tamén o das camisetas, que o deseño era o mesmo, na pasada edición. E creo que isto axudoume para que me deran un voto de confianza neste caso para facer a de Lalín.

-E como chegou a facer o da carreira cruceña?

-Contactou comigo o Concello e supoño, que foi porque dou o curso de pintura e manualidades na Fundación Paco Lareo.

-Cando o imparte?

-Os sábados polas mañás e teño alumnos de todas as idades. Agora paramos polo Nadal, pero xa o retomamos hoxe.

-Dedícase á pintura?

-Estou estudado Administración e Dirección de Empresas e non ten nada que ver coa pintura, pero sempre fun ao curso de pintura á esta fundación desde pequeno. Nun momento dado a persoa que o estaba dando tiña que marchar de aquí e tanto Carmucha como o resto propuxéronme se o quería impartir eu para os nenos e aceptei esta oportunidade. E o primeiro curso que dei xa foi no 2017. Primeiro, ía ser no verán, pero agora tamén o dou en inverno.

-Así que pasou de ser alumno a profesor. E como foi o proceso para realizar ambos carteis?

-No caso da carreira do Galo si que fixen varios bosquexos, pero para a lalinense fixen solo dous e despois decidín facer un que representase ao municipio: no cartel está o porco, o consistorio, que tamén é algo que chama atención, a súa igrexa..., e despois, por suposto se simboliza que é unha carreira popular.

-Cal é a súa técnica pictórica favorita?

-Eu principalmente, pinto con óleo e teño participado en varias exposicións, todas colectivas. Eu empecei no curso con Paco (Lareo) desde que tiña uns sete anos e alí acabei aprendendo a debuxar, a colorear e máis adiante, nos últimos anos, fixen algún cadro alí en acrílico e vas coñecendo pouco a pouco novas técnicas, pero a verdade que o óleo me gusta bastante máis.

-Como definiría a Paco Lareo?

-Un gran artista, un veciño e como non, un gran amigo, sempre á disposición de todos e para todo.

-Cal é a temática dos seus cadros?

-Non teño ningunha en concreto. Gústame persoalmente os bodegóns, e en xeral, calquera cousa para decorar. Tamén paisaxes, a xente encárgame cousas que a ela lle gusta, pero realmente encántanme os cadros realistas ou que intenten selo o mellor posible.

-Hai unha semana incorporouse ao padroado da Solaina. Como asume este cargo?

-Pois como empecei aí os cursos, a carreira na pintura..., por todo iso, para min é unha satisfacción e un logro que me deran a oportunidade de formar parte do padroado, dar a coñecer as miñas ideas e que mas valoren e poder estar con todos os demais. E creo que xa no presente como no futuro, a título persoal, me vai axudar, polo menos, a seguir sendo mellor persoa e a seguir medrando a nivel persoal.

Compartir el artículo

stats