Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A historia da chegada do teléfono a Codeseda

A parroquia estradense contou con teléfono desde principios do século XX da man dun avogado e dun licenciado en medicina

Imaxe do teléfono que hai en Codeseda

O catedrático de filosofía e bo amigo D. Carlos Baliñas Fernández fíxonos participantes dun comentario que a miúdo lle facía o seu irmán o crego de Ribadumia don Dositeo. Este tiña coñecemento que en Codeseda a principios do século XX don Benjamín Lois posuía teléfono. Ante esta nova unha e outra vez insistía o amigo Baliñas en que se fixera unha investigación do tema, polo que non nos quedou outra que remexer nos libros de actas do concello da Estrada na procura de tan suxestiva nova.

Comezamos a pescuda no ano 1890 e despois de revisar un bo número de exemplares tivemos a fortuna de atopar no ano 1902 unha recensión que nos puxo no bo camiño para darlle luz a esta pesquisa. A acta de Sesión Plenaria do 24 de setembro de 1902 dinos entre outras cousas "Se autoriza a sí mismo a D. Benjamín Lois y D. José García Buela, para que puedan colocar postes para un servicio telefónico en los caminos municipales".

A principios do século XX só dispuxeron deste medio de comunicación esas dúas persoas da freguesía de Codeseda, don Benjamín Lois Lois que era o avogado e tamén concelleiro, e don José García Buela licenciado en medicina e cirurxía, e inspector de hixiene e sanidade pecuaria dentro da provincia de Pontevedra.

No libro do escritor Pedro Varela Castro, titulado "La Estrada", ao falar do teléfono na Estrada dinos: "Hubo teléfono para comunicarse desde esta Villa con Codeseda, pero fue destruido por motivos que aunque se ignoran, no puede merecer alabanza."

Os herdeiros do señor García Buela permitíronnos cordialmente retratar ese primeiro teléfono, unha auténtica xoia que aínda hoxe se mantén en perfecto estado, colocado no despacho de tan distinguido persoeiro. Ten unha placa metálica onde di: "L.M. ERICSSON & Cº, PATENT" e debaixo "STOCKHOLM".

O teléfono público non chegou a Codeseda ata os anos sesenta. Na sesión supletoria da Comisión Municipal Permanente do 25 de marzo de 1966 do concello da Estrada no apartado 14, dise: Autorización a la Compañía Telefónica para instalar dos postes en terrenos municipales para la línea telefónica de Codeseda.

"Acuerda por unanimidad mostrar plena conformidad a lo solicitado por dicha Compañía. E días despois, na sesión ordinaria, Pleno de 27 de abril de 1966, apartado 4º : Dar cuenta de formalización de contratos para instalar locutorios telefónicos en Codeseda, Souto de Vea, Plaza de Oca y Forjo-Corbelle. Locutorio de Codeseda.- Contrato celebrado el día 23 de marzo de 1966 con D. Cayetano Parada Taboada, para ocupación de parte de su casa y demás dependencias que ocupará la Central Telefónica, atendiendo igualmente el arrendador y su familia el servicio telefónico; todo ello en el precio de mil doscientas pesetas mensuales que se harán efectivas por mensualidades vencidas a partir del próximo mes de junio; siendo de cuenta del Ayuntamiento el pago del consumo de energía eléctrica de la Central Telefónica, así como de pintura y pequeños arreglos".

E na sesión extraordinaria de 22 de xuño de 1966, apartado 16 : "Dar cuenta de puesta en servicio de los locutorios telefónicos de Codeseda, Souto de Vea, Fojo-Corbelle y Oca.El Ayuntamiento Pleno se da por enterado y ve con agrado de que desde el día 13 del corriente mes, fecha en que fueron inaugurados, vienen funcionando los locutorios telefónicos de Codeseda, Souto de Vea, Fojo-Corbelle y Oca".

O teléfono público en Codeseda atopábase no centro da Sagrada nos baixos da casa onde estaba instalado o correo e o telégrafo, casa coñecida como a do señor Caietano e a señora Sofía. A chamada telefónica facíase sempre a través dunha operadora. Para isto accionábase a manivela de magneto (xerador eléctrico), que xeraba unha corrente que facía acender unha luz na centraliña da Estrada. A operadora atendía a chamada pedindo o número de teléfono desexado. A conversa transcorría máis ou menos desde xeito. Señora Sofía: -Estrada, Estrada, aquí Sagrada. Estrada, Estrada, aquí Sagrada, e de aí a un anaco respondía a operadora da Estrada. Señora Sofía: -Quería conferencia co número X de? (e dicía a localidade desexada). Ao final da chamada, a operadora da Estrada dáballe o tempo consumido e o importe a pagar. Pero o normal era que a operadora dixera "ten vinte minutos de demora", que se convertían en tres cuartos de hora ou máis.

Nos anos setenta o teléfono en Codeseda era xa automático e estaba localizado no Bar do Panadeiro da Sagrada. Tiña un marcador por pasos, que se poñía en marcha en canto comezaba a chamada. Cerrado este local por xubilación, pasou o teléfono para a taberna coñecida co nome de Casa Ignacio, sita no mesmo lugar.

A mediados dos anos oitenta do pasado século na parroquia de Santo André de Souto tamén se instalou o teléfono. Para trasladar o tendido telefónico desde Codeseda a Souto tiña que atravesar polo lugar de Xubrei da parroquia de Codeseda, polo que os seus veciños solicitaron que lle fose instalado un teléfono público. Ante esta petición Telefónica respondeu negativamente ao solicitado e ante esta resposta os veciños de Xubrei celebraron unha xuntanza para consultar cun avogado a pena que poderían sufrir se cortaban os postes de Telefónica. Aconselloulles o letrado que non se lles ocorrese cortar os postes, pois poderían traerlles graves consecuencias. Xuntáronse de novo os veciños e tomaron a firme decisión de arrincar os postes do tendido telefónico.

Arrancaríanos unha e outra vez ata conseguir que telefónica cedese á súa demanda. A Telefónica non lle quedou outra que ceder, instalando un teléfono público no bar de Xubrei. Ao tempo que se instalaba teléfono en Xubrei, tamén se fixo no lugar de Quintas na casa coñecida como Casa de Garrido, onde vivían o señor Senén e a señora Rosalía.

Xa será a principios dos anos noventa cando a maior parte das casas que conforman o núcleo parroquial dispuñan de teléfono fixo. Porén o desenvolvemento tecnolóxico minou a instalación dos teléfonos fixos e para ir cos novos tempos hoxe en día case todo o mundo dispón dun teléfono móbil.

Compartir el artículo

stats