Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gumersindo Villamayor Martínez: "O título é escuro, pero contrasta a luz do ceo coa dureza do ferro"

"Escribir en galego é un acto para reivindicar a miña lingua", afirma

Sindo, con exemplares do seu libro. // Bernabé/Cris M.V.

Gumersindo Villamayor, natural da Estrada, presenta a recompilación de diversos poemas no libro Ceos de Ferro mañá no MOME ás 20:30 horas.

-Que trata no poemario?

-O poemario, basicamente, divídese en tres partes nas que hai poemas que poderían formar un parte do outro. A primeira parte é unha especie de explicación, o punto de vista do poeta. A segunda parte titúlase 'As mulleres e as augas' e trata de dar testemuña ás mulleres que conformaron e seguen formando parte da miña vida: miña nai, avoa, parella e fillas, e tamén mulleres que coñecín estes case 60 anos. Logo está a terceira parte que é 'Ruínas', que quizais sexa a máis escura do poemario que poetiza sobre o feito da morte, a desaparición, a traxedia da vida, a falta de perspectiva ou optimismo; é un pouco derrotista sobre a existencia humana.

-Por que ese título?

-O título é escuro, pero ao mesmo tempo compaxina dous elementos un pouco contraditorios: O ceo, un espazo aberto e que ten luz, en contraposición a dureza do ferro. Son termos contrarios que indican cal é o camiño de todo o poemario, xa que se resume nos conceptos da vida e a morte. Por un lado ten o canto ao amor, pero por outro está o canto á morte, un canto á esperanza que vén anulado completamente pola desgraza e a fatalidade da vida. O título fai mención ao seu contido.

-Escribe poesía escura?

-Si, probablemente. É unha poesía que está alimentada, desde o punto de vista técnico e estético, por todo o simbolismo, a pintura Prerrafaelita ou o cine de Bertolucci. Eu parto dun principio que é, que cada cousa ten algo de misterio e a poesía vén a ser o misterio que hai en cada cousa. Todas as compoñentes conforman este poemario que é unha recompilación dos meus últimos oito anos nos que fixen diversos poemas.

-Que o levou a publicalo?

-Tiña gañas de facelo. O paso decisivo deino porque tiña contrastado o meu potencial na escrita. Ademais, asistía a obradoiros sobre isto e enfrentaba os meus textos con voces expertas como Manolo Portas ou Eduardo Estévez. Todo isto foi o que me deu o empuxe. A poesía é un medio de comunicación porque hai un emisor, a canle que é o poema e un receptor que é o lector. Pero os meus poemas son densos e fai que sexan de difícil lectura. Recentemente, comentando con un lector, díxome que este tipo de poesía é moi traballosa, porque as veces ler un poema leva moito tempo e moita paciencia. Por iso secadra hai poucos lectores de poesía.

-Resaltas ás mulleres no libro, como ves o movemento feminista actual?

-Eu estouno vendo máis forte que nunca, pero tamén máis ameazado que nunca. É certo que fago unha visión do século XX, desde o punto de vista estético, as mulleres non son un obxecto para contemplar e inactivo, senón que son homenaxes sentidas e desde o respecto. Para min as mulleres son un elemento determinante, unha clase social, explotada e que en certa maneira quero homenaxear. Evidentemente, declárome feminista, sen lugar a dúbida.

-Escribiuno en galego, cre que fai falta máis literatura nesta lingua?

-A min non se me plantexou noutro idioma, eu son monolingüe, aínda que domine o español porque é o segundo idioma, eu penso, falo, vivo e soño en galego. Sin emabrgo, só fai falta entrar nunha librería e ver a porcentaxe de libros que hai en castelán e galego, os xornais ou medios de comunicación en xeral. Somos minoritarios e cada vez a situación vai a peor. Para min, escribir en galego é un acto de reivindicar a miña lingua e para min é algo natural, e deberíase impulsar porque é unha riqueza. Hai que decatarse de que somos a única comunidade do mundo que temos esta lingua, xa que ninguén no mundo inventou un idioma como galego, inventaron outros, pero esta é nosa e polo tanto creo que debemos morrer con ela na lápida.

Compartir el artículo

stats