Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paulo Vicente Monteagudo: "Temos que procurar ter máis animais para vivir tranquilos; sen bestas non hai festa"

Defende poñer tódolos folgos no monte e no benestar da cabana

Paulo Vicente Monteagudo (dereita), o domingo con Henrique Bazal, a quen dá o relevo. // Bernabé/Cris M.V.

Paulo Vicente é deses veciños de Sabucedo que levan a Rapa das Bestas impresa no seu ADN. Entrou no curro cando tiña seis anos e ao longo de toda a súa vida estivo vencellado ao traballo a prol da conservación desta ancestral tradición. O domingo o seu nome saiu das urnas no momento de elixir ao novo presidente da asociación Rapa das Bestas. Obtivo o 85% dos votos. Toca agora iniciar mandato, con gañas e ilusión, pero sabedor do esforzo que supón.

-As deste domingo son unhas eleccións nas que habitualmente non se presentan candidaturas. Recibiu o 85% dos votos emitidos. Como se valora ese respaldo de Sabucedo?

-Valoro moi positivamente e tamén, cando te votan así, esperas o respaldo da xente. Cando fas algo así, que quita tempo, do teu tempo libre porque non está remunerado nin nada, o que pides é tranquilidade e traballar dun xeito amigable e coa axuda do pobo.

-É consciente, logo, de que a tarefa non é sinxela e que a Rapa, como se di sempre en Sabucedo, é os 365 días do ano...

-Si, si. Iso sabémolo. E sobre todo a tarefa que conleva o monte, que é moi duro e que, por problemas de seca ou de exceso de aguas, os animais cada vez van a menos e teremos que tomar decisións en canto a adquirir animais. Necesitamos que as administracións nos axuden a poder ter un posto de traballo estable para que certos aspectos que son moitas veces incontrolables poidamos encauzalos

--Cal é o principal desafío ao que pensa que se enfronta?

-O principal é asentar un número de bestas axeitado e que o monte que teñan estea coidado para que sobrevivan de xeito natural, sen a nosa intervención de forma masiva. Tamén preocupándonos de que se rebaixen as entradas noutros pobos. Que poidamos vivir con tranquilidade.

-Cal é a situación actual da cabana?

-Está moi mermada e o máis seguro e que teñamos que comprar animais. O que pasa é que agora teñen un prezo moi alto. Cando nós queremos vender poldros dannos catro duros por eles, pero cando vas comprar bestas os prezos non son asumibles por nós. Entre que está mal o monte e crían pouco, a cabana vai descendendo. Entón temos que tomar medidas de tipo económico e procurar que, tamén con desbroces e coidado do monte, isto non pase. Que teñan comida suficiente.

-Unha das principais batallas destes catro anos foi conseguir un peche perimetral para o hábitat dos cabalos do Santo.

-Si, nós cremos que se temos un peche perimetral moitos dos problemas que temos nas aldeas van desaparecer. É verdade que logo haberá que facer un seguimento do peche, porque vai ser un peche de moitos quilómetros, se chegamos a telo. Son moitas horas de traballo. Hai tres anos metémonos a facer un peche de dous quilómetros, pagando nós todo, e sabemos o traballo que dá. Sabucedo cada vez ten menos xente. Nós ese ano traballamos sábados e domingos moitas veces oito horas ao día. Falamos de xente que vén a fin de semana a desfrutar e descansar en Sabucedo e estámolos case levando a traballar dous días máis á semana. O que necesitamos é un posto de traballo para que unha persoa poida ir subir áo monte as bestas que baixen. E despois os desbroces. Son necesarios porque vemos que onde hai desbroces, hai bestas. Necesitamos a axuda da administración. Que entendan que isto é un punto forte do turismo en Galicia, do turismo na Estrada, do turismo en Pontevedra... Teñen que axudar a que funcione.

-De novo máis aló do curro...

-Aí está. Está claro que as administracións axúdannos moito a levar a festa adiante e nós agradémolo. Pero o noso problema non é ese. O noso problema é que sen bestas non hai festa. O que necesitamos realmente que as bestas teñan unha calidade de vida boa para poder manterse. Sempre dixen que no escudo de Galicia tiña que aparecer un cabalo. Paréceme fundamental o cabalo, e non só en Sabucedo. Queremos levar a cabo un proxecto co resto de asociacións e de rapas para protexer os espazos de bestas libres, que teñan comida. A besta funciona como un elemento de dispersión dos lumes e iso o sabe a administración.

-Son desbrozadoras naturais.

-Claro, e non gastan gasoil. Hai que vixialas pouco. Está claro que provocan problemas onde entran pero, se non entran, está moita parte do tema arreglado. Ademais que turisticamente entendemos que é fundamental, por exemplo agora que a Sabucedo lle vai pasar un Camiño de Santiago a 400 metros, que temos un albergue que ten pouco uso, que podemos potenciar Sabucedo no sentido turístico, que a xente veña e faga rutas polo monte e poida ver as bestas... Cremos que ten unha potencialidade que temos que aproveitar nós e que a administración poida ver, porque é moi fácil de ver. Ou nós estamos tolos (risas), ou é moi fácil de ver.

-Dicía o domingo que toca traballar para poder durmir tranquilos.

-Si. E que é moi duro. Cando se aproxima a Rapa, que ao mellor faltan dous meses, estamos indo ao monte tódalas fins de semana a coller bestas porque sabemos que esto non é como hai 15 anos, que nós iamos ao monte e topabamos ao mellor 500 bestas. Polo que sexa, polos incendios de 2006 que morreron 80 dunha atacada, pola cantidade de auga que ao mellor cae en dous meses e porque o toxo antes se ía buscar e agora medra dous metros e aí as bestas non poden entrar, entón non teñen comida. Durmir tranquilo no sentido de que pensar que vén a Rapa e temos 300, 400 bestas, non que temos 200 e no curro entran 200. Temos que procurar ter animais, ter máis dos que temos para vivir tranquilos.

-Agora teñen un maior coñecemento da cabana polo estudo no que participaron.

-.Si, o proxecto valeu de moito para saber onde está cada manada, como funcionan... Laura Lago procurou corrixirnos conductas. Por exemplo, temos o costume de cando os animais entran nunha aldea, quitalos dalí. Levamos a Sabucedo, metelos en veigas ou en peches e despois volver soltalos. Ela dicíanos que iso pode facer que eses animais non se acostumen ao hábitat no que nós os soltamos, porque ao mellor vivían catro ou cinco quilómetros más alá e volven aos mesmos sitios. Os estudos coa universidade fannos ver que nós non o sabemos todo, que temos moito que aprender.

-Ten agora que formar directiva

-Conformareina nestes días pero será unha directiva de continuidade. O traballo que se estaba facendo está moi ben feito. O traballo de Henrique nestes catro anos foi inmenso. A liña témola que seguir.

-Coincidiu con Henrique Bazal en sinalar a participaión, a implicación, que se amosou o domingo.

-Estamos unidos e penso que sabemos que temos que estalo porque son moitas frontes as que se veñen enriba. Sen unión, ese traballo non levaría a nada.Temos que saber conscientemente o que nos preocupa. Non nos preocupa o traballo do curro, que cada vez temos máis xente que nos axuda. Pero o monte é o que nos preocupa. Esta festa ou ten bestas ou non existe. Se é o que máis traballo nos dá, é onde temos que pór tódolos nosos folgos.

Compartir el artículo

stats