As rutas teatralizadas son un excelente recurso co que divulgar acontecementos históricos ou singulares dunha vila. Baixo estas premisas o Concello de Lalín puxo en marcha un proxecto para difundir os dous trazados xacobeos que atravesan o termo municipal: a Ruta da Prata e o Camiño de Inverno.

Lalín, cruce de Camiños conta co apoio da Xunta e na mañá de onte deu comezo a unha proposta de roteiros teatralizados nos que José Otero Abeledo, o seu artista máis universal amosa aos participantes as súas experiencias como peregrino. O actor Inacio Vilariño vístese de Laxeiro para escenificar unha obra na que o creador plástico repasa distintos acontecementos con distintas personaxes que él mesmo plasmou nos seus cadros e coas que se vai atopando, neste caso por distintos puntos da parroquia de Donramiro -na que por certo naceu- ou no Paseo do Pontiñas. Nesta primeira xornada desfrutaron deste programa alumnado dos colexios Manuel Rivero e Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe.

Centrado na ruta de peregrinos que chega a Lalín procedente do Bierzo e que entra a través de Rodeiro, para enlazar logo co chamado Camiño Mozárabe, o Laxeiro camiñante detívose en lugares como a igrexa de Santa María de Donramiro ou, tamén nesta parroquia lalinense, diante da coñecida como Casa da Crespa ou palacete dos noutrora poderosos políticos da familia Crespo. Baixando polo Camiño da Costa, xa cara o Pontiñas, os escolares observaron con sorpresa como o pintor coincidía con unha dona que portaba a bandeira republicana, nunha evidente alusión ao seu cadro Alegoría da República. Logo de atravesar a carballeira propiedade dos herdeiros de Anuncia Crespo Barros, Laxeiro topábase xa no espazo fluvial co Naranxo; un personaxe nado a finais do século XIX en Santiso que o artista tamén inmortalizou nun cadro propiedade da USC e que estivo exposto anos atrás na casa do concello. Outro ilustre desta bisbarrra, o escritor de Abades (Silleda) Ramón de Valenzuela deu protagonismo a Manuel González -a súa identidade real-nunha ducia de relatos nos que narraba os seus encontros fugaces co Naranxo [aquí na pel de Luchi Iglesias] cando, por exemplo, o atopaba nas ferias ou festas de Lalín.

Estes roteiros teatralizados polo Camiño de Inverno terán continuidade hoxe, mañá e o venres para escolares dos centros Varela Buxán de Cercio, Xesús Golmar, Xoaquín Loriga, Sagrado Corazón e os institutos Laxeiro y Aller Ulloa. Xa o xoves desenvolverase outro, neste caso para membros do coletivo Aspadeza e na fin de semana haberá dous -Vía da Prata e Camiño de Inverno- para as persoas que desexen acudir e no que haberá que solicitar praza no teléfono 604 062 506 ou enviando un correo a concellodelalinxacobeo21@gmail.com. O domingo, ás 13.00 horas, haberá un concerto do grupo Mayalde na Praza da Igrexa e unha degustación gastronómica.