Os Encontros de Música Tradicional de Carboeiro son, sen dúbida, unha das datas que moita xente -non solo da bisbarra dezá- teñen marcada cada ano no almanaque como una das citas imprescindibles. A celebración impulsada hai 20 anos pola asociación Santa Ferreña está consolidada hai tempo e cada ano por estas datas o entorno do mosteiro trasdezao énchese de centos de romeiros con ganas de desfrutar dunha festa galega na que non falta procesión, música ou postos de venta e, por suposto, un xantar dos que rematan ben entrada a tardiña. É dicir, mantén a esencia das celebracións tradicionais do país, adaptada aos novos tempos, e é capaz de xuntar aos intérpretes máis veteráns cos novos valores da música de raíz.

Co gallo dos 20 anos dos 'Encontros' a organización introduceu como novidade un clamor. Algúns dos moitos festeiros que se deron cita onte en Carboeiro recordaban este ritual cristián, no que en casos se celebran procesións con imaxes que parten desde distintas parroquias ou aldeas para que chova ou a agua remita. Porque onte case que toda a roupa sobraba polas altas temperarutas que houbo durante boa parte da xornada. Algúns fixeron escapadas ao río Deza, preto do improvisado campo da festa, para refrescarse ou buscar alí a sombra dos árbores de ribeira.

Coa sesión vermú e a tradicional procesión coa imaxe pagá de Santa Ferreña -antes houbo a subasta das andas- arrancou a festa. Algúns usaron vasos con paus como improvisados hisopos para refrescar aos presentes. O son das gaitas e as percusións tradicionais animaba xa a bailar a pequenos e adultos nunha grande romaría na que os cativos miraban para os músicos con máis experiencia para tratar de emulalos. Tampouco faltaron os Papamoscas de Viravolta; uns xigantes tiveron a mellor perspectiva da festa, e tamén se deixou ver o Santo Torrisco lalinense en procesión.

Tamén resultou de interese para moitos os asistentes a exposición centrada na cultura popular tradicional. Este ano, coa colaboración do Museo do Pobo Galego, pudo ollarse unha selección do que se estará a mostrar ao mesmo tempo no citado espazo museístico compostelán, con pezas do arquivo de Gustav Henningsen. Son algunhas das obras da mostra Galicia Máxica. Romarías e Santuarios: Fotografías etnográficas 1965-1968, que recolle imaxes dos santuarios galegos e os seus devotos. Outro dos reclamos eran os postos do mercado de artesanía, nos que se organizaron obradoiros con instrumentos tradicionais, de coiro, xoguetes, cerámica ou títeres. Xa pola tarde houbo xogos tradicionais, sesións improvisadas de música ou a participación do narrador Celso Fernández Sanmartín. Tocadores e bailadores da bisbarra e de outros lugares como Tordoia, Arzúa, ou Zas sumáronse a unha festa que para algúns rematou de madrugada.