Como cada 17 de maio os galegos desfrutan do festivo que serve para exaltar a súa lingua. Este ano o Día das Letras Galegas recorda a Antón Fraguas, porque coa súa labor contribuíu a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento e hoxe é precisamente a xornada agardada para seguir reivindicando a posta en valor deste idioma. Onte xa houbo diversas actividades, pensadas sobre todo para escolares. En Silleda o alumnado de Primaria asistiu pola mañá á Canta miña pedra canta, unha sesión con cancións populares recollidas polo homenaxeado deste ano. E pola tarde, os máis pequenos da casa puideron desfrutar de xogos populares. Tamén en Rodeiro a concellería de Cultura organizou o espectáculo de Iseo A Moura: Antón Fraguas no bosque da Moura.

As actividades pensadas para todos os públicos continúan hoxe. En Lalín terá lugar ás 12.00 horas na Praza da Igrexa unha concentración organizada por la Asociación Cultural Grela do Deza, xunto coa plataforma Queremos Galego! Lerán un manifesto en defensa da lingua galega e fragmentos de Antón Fraguas. E o Salón Teatro, ás 19 horas, acolle o espectáculo Procura-se Pepa a Loba de A Cova das Letras.

En Trasdeza,celebrarase ás 12 horas o IX Festival de Música Tradicional do Concello de Silleda. Polo escenario do Auditorio da Semana Verde pasarán: Os Carqueixas (Lamela), as pandereteiras A Saleta (Siador), Xirandola (A Bandeira), Aires do Trasdeza (Colexio Plurilingüe María Inmaculada), as pandereteiras A Xariza (Parda), os gaiteiros da Pereiriña (Ansemil- Martixe), as pandereteiras Aturuxo (Ansemil- Martixe), O Son da Fervenza (Escuadro) e a aula de música tradicional da Escola de Música de Silleda. A música tamén estará presente en Cruces cos Gaiteiros de Piloño, de 12 a 14 horas, na Praza Juan Carlos I e os comerciantes farán un sorteo de 300 euros coincidindo coa celebración da feira. Pola súa banda, Rodeiro acolle o XII Festival das Letras Galegas na Casa da Cultura ás 20.30 horas coa actuación da coral polifónica da localidade. A música continuará mañá en Lalín co Serán das Letras Galegas ás 19.00 horas na carpa da Praza da Igrexa.