Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luis Villanueva Ansedes: "Azaloira é o concurso de baile de Galicia cos premios económicos máis altos"

"Este ano como novidade será pola mañá porque é menos complicado para os nenos"

Luis Villanueva Ansedes, onte, coa súa pandeireta nas Pedrosas, en Silleda. // Bernabé/Ana Agra

Un ano máis, e xa van 19, a agrupación de música e baile tradicional Fortín da Pomba, de A Bandeira (Silleda) celebrará o 5 de maio o seu certame de baile tradicional Azaloira, que reunirá agrupacións de distintas zonas.

-O domingo rematou o prazo para anotarse no certame, ¿cantos se inscribiron?

-Temos nove apuntados na categoría A (nenos de oito a 13 anos) e sete, na B (mozos de 14 a 17 anos). E a verdade é que estamos moi contentos porque veñen grupos con moito renome como O Fiadeiro, Chacarandaina de A Coruña, Cantigas e Agarimos, A Ponte Vella, ... que xa teñen moi mallado o concurso e saben ao que veñen.

-Adoitan repetir?

-Sí, aínda que algún ano veñan algún novo, si que adoitan ser os mesmos.

-Hai algunha novidade con respecto ás outras edicións?

-Si, cambiamos o horario, que desta volta, será pola mañá. Sempre adoitaba ser ás seis da tarde, pero o problema é que estamos falando dun concurso de grupos e de nenos. E o noso era o único concurso de pequenos que se facía pola tarde e era máis complicado, por iso decidimos iso. A nosa idea é que comece ás 11:00 horas e será no Auditorio Manuel Dopazo.

-Como se consegue chegar á 19 edición e ter xa un certame consolidado? Hai moito traballo por detrás?

-A verdade que si. Aínda que queiras que non eu collín o relevo fai nada e quen realmente estivo todos estes anos foi Josefita (Josefa Ferreiro a anterior presidenta), aínda que eu nos últimos anos xa puiden comprobar todo o traballo que supón, pero agora sei moito máis que preparar un concurso como este require de moito esforzo e traballo.

-Como se organiza?

-A promoción é fundamental, pero primeiro hai que poñerse en contacto co Concello, decidir a data, reservar sitios... e despois, falar cos outros concursos de pandeiretas, de baile, de gaitas... para fixar unha data, porque como acostumamos a ir a todos os concursos é importante que non coincidan dous o mesmo día ou a mesma fin de semana. Ademais, este ano foi máis complicado por haber eleccións, que ao final tocoulle ao concurso de Vigo facelo ese día. E por suposto, despois hai que mandarlles toda a información ás agrupacións e facer promoción entre todos. E está a parte de negociar cos comerciantes para que colaboren con nós e a verdade que se portan moi, pero que moi ben. E tamén está o de buscar o xurado, que tes que ter en conta que os membros no estean vinculados con ningún grupo e ao mesmo tempo que non sexan opostos a ningún.

-Que cantidade ides repartir en premios?

-Este ano 1.900 euros e nesta edición, igualamos as dúas categorías. O primeiro premio, entre ambas categorías, será de 800 euros, o segundo, 600 e o terceiro, 300. Ademais, reservamos 200 euros para accésit ao mellor vestiario e ao mellor grupo instrumental ou polo acompañamento. Pero en anos bos chegou haber máis premios como ao mellor bailarín, pero agora imos facendo o que se pode. Pero en toda Galicia é o concurso de baile que ten os premios económicos máis altos e é un dos máis prestixiosos.

Compartir el artículo

stats