Manuel Neira Rodríguez naceu en Donsión o 11 setembro de 1899, fillo de José Neira Riádigos e Emilia Rodríguez. Pouco se coñece dos seus anos mozos, que se desenvolveron na parroquia natal coa súa irmá Celsa, tres anos máis nova. Fixo o servizo militar na Coruña e despois, como tantos mozos dezaos, marchou a Cuba.

Hai novas da súa presenza na illa caribeña entre os anos 1926 e 1928. Alí adquiriu conciencia política e formación sindical. Seguramente se viu obrigado a retornar polos efectos da crise de 1929. O certo é que a principios dos anos trinta xa estaba en Deza, onde iniciou a súa actividade social e política. En 1929 comezaran as obras do ferrocarril Zamora-A Coruña, que no seu terceiro tramo (Ourense-Santiago) atravesaba os concellos de Lalín e Silleda, e Manuel Neira foi un dos moitos obreiros que se incorporaron aos traballos.

Coa bagaxe cubana, Neira promoveu o primeiro sindicato que se organizou na comarca ao abeiro das obras, a Sociedad de Obreros de Ponte Nova Donsión, inscrito no Goberno civil en marzo de 1931. Na primeira directiva, elixida na asemblea do 21 de abril, Manuel Neira foi nomeado presidente. Xunto a el figuraban José Crespo Torres como vicepresidente, Luís Frade Pazos vicesecretario, Ramiro Granja González, tesoureiro e José Montouto Rodríguez, vicetesoureiro, os catro xogaron un destacado papel nas loitas sindicais e políticas do período republicano e foron asasinados polos fascistas en 1936.

O sindicato contaba neses momentos con 180 afiliados e aos poucos meses ingresou na UGT. Liderou as protestas dos carrilanos centradas no recoñecemento sindical, na defensa dos postos de traballo e a esixencia de aplicación da normativa laboral. En maio de 1931 convocouse folga xeral nas obras do ferrocarril para demandar o cumprimento da xornada de oito horas e un aumento de salario. Foi necesaria a presenza do Gobernador civil para mediar nas negociacións e chegar finalmente a un acordo, pero a Compañía Gamboa e Domingo, concesionaria das obras, incumpriuno. Houbo paros en xuño, e un grupo duns 400 obreiros encabezados por Manuel Neira dirixíronse en manifestación a Silleda para protestar polos incumprimentos da empresa.

Conflito laboral

A mediados dese mes xurdiu un novo conflito, ao negarse os contratistas a desembolsar máis diñeiro mentres o Goberno non concedera os créditos para a obra. O día 18, ante os rumores de paralización das obras, as protestas e manifestacións estendéronse por toda Galicia. Manuel Neira, con outros dirixentes das sociedades obreiras de Lalín e Silleda, participou na asemblea popular que se celebrou en Ourense o día 26 para esixir do Goberno a continuidade das obras.

A enfermidade impediulle participar no acto de constitución da Federación de Sociedades Obreiras e Agricultores do Partido de Lalín o 28 de outubro, da que foi nomeado secretario xeral o seu compañeiro José Crespo Torres, e vicesecretario José Fondevila García, chegado recentemente dos Estados Unidos, e que co tempo substituíu a Manuel Neira como emblemático líder obreiro de Deza.

Actividade política

Ademais da súa intensa actividade sindical, Neira tivo tamén destacada presenza na política nos primeiros momentos da República. Formou parte da candidatura republicana, que encabezada por Manuel Ferreiro, se presentou ás eleccións do 12 de abril polo distrito segundo de Lalín. Baixo o paraugas da Federación Republicana Gallega acompañaban a Ferreiro José Villar, da Xesta, Francisco Cacheda, de Cristimil; Manuel Neira de Donsión; Leonardo García, de Sotolongo; e Camilo Vázquez, de Vilanova. Como xa é sabido, a candidatura non obtivo representación.

Dous días despois da proclamación da República, o gobernador civil ordenou a constitución dunha Xunta Municipal provisional en Lalín, para a que nomeou presidente a Manuel Ferreiro e vogais a Marcelino Villar, Manuel Neira, Amadeo Rodríguez Piñón e José Blanco Otero. Os vogais tomaron posesión o 19 de abril e dende esa data a xestora dirixiu o goberno municipal. A súa primeira decisión foi a de iniciar un expediente de depuración electoral para aclarar o fraude nas eleccións do 12 de abril que lle deran a vitoria á candidatura monárquica. A xestora cesou coa celebración das novas eleccións o 30 de maio, nas que triunfou a candidatura encabezada por Ferreiro, da que nesta ocasión Manuel Neira non formou parte. O alcalde electo, Manuel Ferreiro, no seu discurso de toma de posesión, deulle as grazas ás sociedades obreiras de Ponte Nova e Donsión "que tanto han alentado al Centro Republicano de Lalín". Como dicía, a enfermidade levouse a Manuel a mediados de decembro de 1931. Reproduzo as palabras do correspondente de El Pueblo Gallego en Lalín, Xosé María Mariño, na súa necrolóxica:

Falecemento

"Muere en plena juventud y cuando mucho había aún que esperar de su entusiasmo, de su inteligencia, de su capacidad organizadora y de su honradez. El vacío dejado en las filas obreras de Lalín por su desaparición ha de ser difícil de llenar. El entierro fue una imponente manifestación de duelo, al que concurrieron los centenares de obreros que hay hoy trabajando en las obras del ferrocarril y muchísimos campesinos".