Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lucía rodríguez frade "Estudar en Canadá creo que será unha experiencia brutal"

"Ter un bo expediente académico é cuestión de organizarse e de rentabilizar o tempo"

Rodríguez, onte, na biblioteca do Laxeiro cun libro da canadense Margaret Atwood. // Bernabé/Javier Lalín

A Fundación Amancio Ortega convocou 600 becas en toda España, 100 delas en Galicia, para facilitar ao alumnado a inmersión nunha cultura estranxeira e a perfección da lingua inglesa. Lucía Rodríguez Frade, alumna de 4º de ESO do IES Laxeiro, é unha das agraciadas e iniciará o Bacharelato en Canadá.

-Como recibiu a nova?

-Non o cría. Porque na última fase collen a unha persoa de cada tres e pasar xa a primeira parecíame incrible e na segunda xa estaba feliz, pero sigo sen crelo.

-A asignación do destino, Canadá ou Estados Unidos, fíxose por sorteo. Cal prefería?

-Antes si se podía elixir, pero agora non. Ao principio collería Estados Unidos sen dubidalo, porque facer primeiro de Bacharelato, con 16 anos, en Estados Unidos, con todas as festas, como Halloween, pensaba: eu voume para alá de cabeza. Pero cando me deron Canadá penseino mellor e creo que é un país que é máis igualitario no sentido de que todas as zonas que che poden tocar teñen máis ou menos o mesmo nivel de vida, mentres que en Estados Unidos cambia moito se che toca unha rexión do norte ou unha do sur, así que vou máis tranquila.

-Xa se estivo informando sobre a cultura de Canadá?

-Mirei bastante os primeiros días, pero aínda estou agardando a que me dean a familia porque o sitio onde nos dixeron que imos ir é grandísimo. Os de Galicia imos ir para Ontario, que é coma unha provincia, como se che digo aquí ir para Andalucía, pero Ontario territorialmente é o dobre de España.

-E como leva o da familia de acollida?

-Estou nerviosa polo feito de que non sei cando me van dar a familia, pero despois estou moi tranquila porque ao igual que a nós nos fan pasar un exame para saber que non imos ter problemas para ir para alí, ás familias tamén, e os que acollen a unha persoa na súa casa é porque verdadeiramente queren.

-Que pensa que será o que máis vai botar de menos?

-Loxicamente a meus pais, aos meus amigos e a familia, en xeral, pero tamén seguro que a comida, porque aquí comemos súper ben, por exemplo, na miña casa temos produtos da horta e todo, e alá teñen todo moito máis procesado, pero tampouco é algo que me quite o sono.

-Como soubo desta beca?

-Porque dúas primas miñas tamén lla deron, pero animoume que no meu instituto hai unha rapaza de intercambio de Estados Unidos e ela aconselloume pedila. Creo que é unha experiencia brutal en todos os niveis e aínda por riba sei de xente que viviu o mesmo ou que o está vivindo que me confirma que é así.

-Foron complicadas as probas?

-Ao exame escrito fun a cegas porque nunca publican nada de como vai ser, pero si sabes que se centra en textos, listening, como nas materias do instituto, pero son moi distintos aos exames do instituto e de Cambridge e, sobre todo, é complicado que o listening so cho poñen unha vez, pero tampouco para facelo é necesario un C1. E a entrevista moi ben, porque as chicas eran moi simpáticas e estaban todo o tempo sorrindo e facíante sentir moi cómoda.

-Un dos requisitos para conseguir esta beca é ter un bo expediente académico. Como se consigue practicando moitas outras actividades?

-É cuestión de organizarse. Intento rentabilizar moito o tempo nas clases, intentando atender o máximo posible cando están explicando, aínda que me costa un pouco, porque son moi faladora, e tamén facer os deberes de maneira que despois no momento de estudar me sonen as cousas.

-Xa está desexando marchar?

-Teño moitas ganas, pero agora estou centrada en vivir este curso. Como vou estar dez meses sen ver a toda xente coa que estou a diario, quero gozar o de estar con eles.

Compartir el artículo

stats