Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Chelo do Rejo: "O que pretende a función é espertar a curiosidade por María Vitoria Moreno"

Representará hoxe en Lalín a obra "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos"

Chelo do Rejo, durante unhas das súas funcións.

O Salón Teatro de Lalín será hoxe, ás 21:30 horas, o escenario da función Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos de Matrioshka Teatro, con entrada de balde.Dirixida por Gena Baamonde, o elenco artístico está formado polas actrices Lorena Conde, Anabell Gago e por Chelo do Rejo.

-Esta función é unha homenaxe a Mª Vitoria Moreno, pero en xeral a todas as nosas mestras, verdade?

-Eu sempre digo, que cando botas a mirada atrás, atopas moitos profesores da túa vida, pero mestres de vida só che aparece un, dos ou se fuches moi afortunada, tres. Esas mestras de vida que abriron camiños de futuro, de pensamento, de curiosidade e esa é Mª Vitoria Moreno.

-Porque moitas veces somos iso, o que nos inculcaron esas verdadeiras mestras.

-Hoxe en día eu estou encantada cos profesores, pero é tan importante que houbese eses mestres de vida que fan que queiras mirar con curiosidade, que queren coñecerte a ti e ter ganas de axudarche cando andas así moi perdidiña. MªVitoria foi profe de Lorena Conde, unhas das miñas compañeiras de Matrioshka Teatro, e este foi o motivo polo que decidimos facerlle unha homenaxe. Unha, polas poucas mulleres que hai nas Letras Galegas, que é unha pena, e outra porque Lorena coñecíaa e para ela foi vital na súa vida. De feito, Anabell Gago e eu non a coñecíamos, bueno si Anagnórise, pero ningunha outra obra máis. Lemos toda a súa obra e aí foi, de verdade, un descubrimento marabilloso. Mª Vitoria non existía na miña vida e a partir de agora nunca estivo tan viva como o está agora. Vala lendo e vala querendo. E pensas: que pena que esta muller non tivese máis oportunidade de vida!

-O que pretenden é transmitir iso que vostede sente tras descubrir a Mª Vitoria Moreno?

-O que pretende a obra máis que nada é despertar a curiosidade por Mª Vitoria, en ningún momento é un panfleto, nin nada diso. Despertar a curiosidade de quen non a coñecen e se acheguen a buscar un libro dela. Ou tamén das persoas que si que a coñecen que a disfruten desde a a mirada de Matrioshka. A verdade que levamos moitos bolos, este é o penúltimo, e sempre deixamos uns papeis para que a xente conteste a unha pequena enquisa, porque é moi importante que o público opine. Realmente, este é un espectáculo do que estamos moi namoradas.

-Á xente gústalle?

-Si, moito porque é un espectáculo moi diferente, ten unha carga poética moi importante, visual,... e todo desperta curiosidade.

-O título en si xa é sorprendente.

-Cando vas poñer un título sempre se lle das moitas voltas. Lendo a Mª Vitoria decidimos poñerlle como ela se definía. Ela nun momento determinado di: "Eu son unha señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos". E pareceunos tan, tan bonito!

-Como me dicía antes, detrás desta obra houbo un traballo de investigación, en que consistiu?

-Si, primeiro lendo a súa obra e logo falando coa familia, cos amigos, cos alumnos, con historiadores... houbo moitísimas entrevistas. Porque queríamos coñecer moito dela e pasounos algo moi sorprendente, que sempre me pregunto, se iso tamén pasaría se fixésemos investigación dun home. Porque o que nos pasou é que houbo moita xente que nos falaba da parte máis persoal, íntima, dunha persoa, cando creo que cando vas falar ca xente dun escritor adoita falar da parte do seu traballo. Foi una muller que loitou un montón, que foi fantástica, que chegou desde Cáceres a Pontevedra e dixo que quería aprender a lingua do que me vende o pan, do que me vende o peixe, da persoa coa que me encontro pola rúa. De feito, sacáronlle o pasaporte porque empezou a dar cursos en galego de maneira clandestina. E que dela hai datos curiosos e a primeira produción que se fixo en galego foi a dela. Ela tiña un amor pola lingua, por esta terra, pola xente... Todo o mundo pola rúa falaba con ela porque sementaba tanto, que recollía. De verdade, que é unha muller para coñecer.

-Así que que mellor que representar unha obra sobre ela dentro da programación do Ano da Lingua, non?

-Nós nunca fixemos homenaxes así, nin polas Letras, pero é moi importante promocionar que unha persoa que chegou xa cunha idade adulta aquí e de repente, é tan respectuosa que di que: "se estou aquí quero falar a lingua da xente de aquí".E non só iso senón que se compromete de maneira brutal con ese feito. Ah! E outra cousa que nos encanta é que no seus libros infantís, naquela época, tiña protagonistas femininas. Era unha muller moi adiantada no seu tempo.

Compartir el artículo

stats