Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Rosa Cornado: "O goberno está agora na fase de grandes obras, como lles pasa a todos os alcaldes"

"Boto en falta unha política que faga máis pola conciliación laboral e familiar"

A nova concelleira do BNG, nunha rúa en Silleda. // Bernabé/Javier Lalín

Ana Rosa Cornado, máis coñecida como Tania Cornado (foi o nome coa que a rexistraron os seus pais cando naceu en Francia) tomará posesión como nova voceira do BNG de Silleda no pleno do 27 destes mes. Cornado substitúe a Matías Rodríguez da Torre, que anunciou a súa demisión no pleno de xullo, despois de nove anos como concelleiro e 19 en política.

-A todos nos sorprendeu a marcha de Da Torre. ¿Era algo que xa se coñecía no seo do Bloque?

-Matías Rodríguez xa viña meditando a súa demisión hai tempo, porque non quería volver presentarse, e eu era a segunda na lista coa que concorremos ás eleccións de 2015, e non ía dicir que non.

-Vostede leva sete anos formando parte da lista do BNG, e ocupou tamén durante un tempo o cargo de responsable local. Agora que vai ser concelleira, ¿como será o seu labor?

-Pois vou seguir coa nosa liña de control ao goberno, pero facendo tamén propostas, para mantérmonos nunha oposición constructiva. Quero incidir en cuestións nas que creo que non se fai toda a política local que se debería, como a conciliación. Boto moito en falta este punto en, por exemplo, os plenos. O actual alcalde, Manuel Cuíña, foi quen cambiou as sesións plenarias para á mañá, e isto ás veces complica a posibilidade de asistir. Tamén é certo que non vexo correcto que volvan ser ás oito da noite. Falando de conciliación, días atrás tamén se deu a coñecer a posta en marcha dunha Escola de Empoderamento. A idea está moi ben, pero coido que hai que enfocar máis cousas cara ás mulleres do rural, porque penso que de aquí a dez anos moitas aldeas van quedar despoboadas. A día de hoxe, non hai nada en canto á mobilidade para as mulleres rurais, a non ser algún que outro curso, pero moitos outros non se celebran porque non compensa, dado que hai poucas alumnas. É unha cuestión na que imos traballar xa de cara ao próximo mandato.

-Xa que fala do próximo mandato, ve factible un novo goberno de coalición entre PSOE e BNG. É certo que agora mesmo os socialistas teñen a maioría absoluta, pero pode haber ata cinco candidaturas nas eleccións do ano que vén.

-Un goberno bipartito é un futurible, pero sería unha situación moi difícil para nós, visto o mal que rematou a experiencia anterior, xa que Matías Rodríguez foi expulsado do goberno.

-¿Como avaliaría o actual goberno que encabeza Manuel Cuíña?

-Está claro que non tén nada que ver cos anteriores mandatos do PP. Pero tamén é certo que agora mesmo é como se se atopara na fase das grandes obras, unha cousa que polo demais lles ocorre a todos os alcaldes. Con esta crítica, non estou dicindo que non sexa necesaria a rede de calor pero, por exemplo, penso que en lugar de sumarse á proliferación das residencias de maiores o que se podía facer era ampliar a Lei de Dependencia para que a xente de máis idade poidera estar atendida pero vivindo, ao mesmo tempo, nas súas casas, porque aos anciáns cústalles moito sair do seu hábitat. O centro de día está moi ben, pero cómpre buscar alternativas á residencia. O campo de fútbol da Bandeira ou o futuro consistorio son outras desas obras faraónicas, a pesar de que no rural aínda quedan moitas casas sen rede de auga nin saneamento, dotacións que permitirían, precisamente, volver vivir nas aldeas.

Compartir el artículo

stats