Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memorias da Xesta

Veciños desta parroquia lalinense promoven unha mostra composta por un total de 28 paneis temáticos e 290 fotografías

Malla tradicional nunha eira da aldea. // J.L.R.J.

Detrás dos grandes acontecementos históricos, transcorre a vida cotiá da xente, que semella ser un pano de fondo da realidade cambiante e visible. Na exposición de fotografía da parroquia da Xesta, feita coas imaxes aportadas pola veciñanza, poden contemplarse as vivencias e recordos da xente da Xesta, que son, en moitas ocasións, auténticos documentos sociolóxicos e etnográficos.

Pasou o tempo das mámoas e dos castros e veu a organización da Igrexa. Refire Antonio Vidal Neira no seu blog "historiadeza", un documento que indica que nos anos 1538-1542 "San Fiz da Gesta" era "aneja" da parroquia de San Xoán de Vilanova. Posteriormente A Xesta tería entidade propia como unha parroquia independente e así se desprende do seu Libro de Fábrica que comeza a partir do ano 1630. No catastro de Ensenada de 1752, a feligresía da Xesta era de señorío da Condesa de Lemos e tiña 46 casas habitables e 12 inhabitables. Nos anos 1826-1829 na Xesta había "casa de postas" con catro cabalos sendo punto de paso no camiño de Ourense a Santiago. Nos mapas da época, a Xesta é un importante cruce de camiños. No ano 1846 no dicionario de Madoz, A Xesta aparece xa dentro do "partido judicial y ayuntamiento de Lalín" e era un lugar no que se recibía o correo para logo ser distribuído pola comarca; tiña 52 veciños e 200 almas. A Xesta encheuse de vida na época da construción do ferrocarril entre 1927 e 1958. Logo sufriu a emigración e nos últimos tempos o éxodo cara as cidades ou á Vila de Lalín.

Para analizar a evolución da parroquia da Xesta dende o comezo do século XX ata o día de hoxe, son moi ilustrativos os datos demográficos. Seguindo o traballo de Jesús M. González Pérez sobre a demografía histórica na comarca de Deza publicado no anuario Descubrindo nº1, comprobamos como dos 562 habitantes existentes na Xesta no ano 1900 pasouse a 673 en 1940 e baixando a 605 no ano 1950. Nestes anos a poboación increméntase ata case setecentos habitantes coincidindo coas obras de construción do ferrocarril, época da que se conta que na Xesta non había un só faiado sen habitar. Posteriormente os datos recollidos nos sucesivos censos de poboación, reflicten unha caída da poboación a menos da metade ata os 283 habitantes do ano 1981. Este forte descenso reflexa os efectos da emigración a América, Europa, resto do estado español, así como as cidades e á Vila de Lalín.

O agro e a facenda foron a base da subsistencia na Xesta como en todo o mundo rural galego. O traballo no campo para o autoconsumo e a comercialización nas feiras de algún produto excedentario foi o xeito de vivir de case todas as familias da Xesta. Tamén viñan ingresos adicionais procedentes doutros oficios. As casas labregas estaban concibidas para esta función, coas cortes na planta baixa e a vivenda na primeira planta. Hoxe todo cambiou e quedan só unhas poucas explotacións gandeiras que sobreviviron modernizándose e adaptándose aos tempos actuais. Na exposición hai un panel con fotografías relativas ao agro e a facenda, pero dalgunha maneira este tema está presente en case toda a mostra.

A milicia, entendida como a profesión ou exercicio das armas, sexa polo servizo militar ou por formar parte dunha tropa de xente armada, tamén marcou a vida de moita xente da parroquia. Na Xesta, a parte da obriga de ter que facer o servizo militar, algo difícil de eludir, houbo quen fixo carreira no exército e quen tivo que intervir na guerra civil ou noutras situacións. A veciñanza da Xesta non puido ser allea á guerra civil nin ao réxime ditatorial posterior. A ocupación principal era a supervivencia e procurar o sustento necesario para atender as necesidades de cada grupo familiar. Na maioría dos casos a xente da Xesta viuse arrastrada por un conflito bélico que supuxo mortes e penurias. Pero tamén houbo casos de incorporación ao novo réxime e de represión dos sospeitosos de ter outra ideoloxía. Na mostra hai un panel completo referido a este tema con referencias a varias historias particulares que lle aconteceron a veciños da Xesta.

A escolarización foi chegando tamén á Xesta. Recorda a veciñanza que poñía escola Antonio de Novoa que era empregado de correos. Logo os nenos repartíronse entre dúas escolas. Unha era mixta en Sante na casa de Lourenzo, que despois se trasladou a Medelo a un edificio que aínda hoxe existe, e a ela acudían rapaces e rapazas de Sante, Medelo, do fondo da Xesta e algún de Cerredo. A outra escola era na Xesta, na casa de Adela para os nenos, e a escola das nenas era na casa de Perulán sendo a mestra Josefina. No ano 1959 dentro do Plan Nacional de Construcciones Escolares edificouse a nova escola, o edificio do actual Tele club, as nenas estaban no piso de abaixo coa súa mestra, e os nenos no piso de arriba co seu mestre. Posteriormente houbo un centro de preescolar da Xunta de Galicia.

A Xesta tivo unha importante tradición musical. No recordo están a Banda de música da Xesta, o gaiteiro e zoqueiro Xan da Xesta e o grupo de baile O Eixo, entre outros. Nun traballo sobre as bandas de Lalín publicado no anuario Descubrindo, detállase a historia da Banda da Xesta. A Banda da Xesta naceu en 1908. Edelmiro Fernández Villar foi un dos seus fundadores. Comezou cuns catorce músicos. O Mingos, Antonio do Herdeiro, Avelino do Coto, Manuel de Santos, entre outros. Foron directores da banda da Xesta: Xose Antonio Rodríguez do Carballiño, Andrés Vilariño de Brántega, Arturo Tellez Chipel "o xitano", Xulián Doallo e Xoán Lodeiro con quen morre a banda en 1954. En moitas casas da Xesta había fotografías de músicos da banda e varias delas forman parte da exposición.

O Carme da Xesta foi dende sempre unha romaría moi concorrida. Cóntase pola veciñanza que a data da festa moveuse ata o último domingo de xullo para que a celebración fose posterior a certas tarefas do campo. De todas as maneiras a festa tivo sempre gran sona, e, ademais da banda de música da Xesta, sempre acudían das mellores bandas de Galicia. Nos anos setenta e oitenta grandes orquestras actuaron na verbena que era multitudinaria. De feito séguese mantendo o dito popular de "festa por festa, o Carme da Xesta". A celebración do Carme é o último domingo de cada mes de xullo, coa baixada dos santos da igrexa á capela a fin de semana anterior. Era característico da festa o globo da Xesta, similar ao de Betanzos, que lanzaban os da casa do Herdeiro, tradición que se estima que parou arredor do ano 1970 por un incendio no monte que causou o aparello. Este ano recuperouse a tradición do globo, pero o aeróstato elévase agora con helio. A idea é continuar e mellorar este evento facéndoo cada vez máis vistoso para cando menos aproximarse ao que se facía antano. Na exposición hai fotografías interesantísimas da procesión do Carme e outras relacionadas coa festa.

A emigración tivo un gran impacto na parroquia. A xente da Xesta foi na busca de mellores condicións de vida en primeiro lugar principalmente a países da América latina. A guerra civil primeiro e a posguerra fixo que moitos veciños foran ao outro lado do Atlántico, aínda que, grazas a obra do ferrocarril, tamén se precisaba man de obra aquí. Cando se rematou esta obra, o éxodo a América acentuouse. Os destinos máis habituais foron Arxentina (Bos Aires) e Venezuela (Caracas). Tamén houbo xente que foi a Cuba e a Brasil. A viaxe facíase principalmente dende o porto de Vigo onde se ía a coller o barco en distintas navieiras que facían a viaxe tras atlántica. A emigración a Alemania e outros países de Europa, como Francia ou Suíza, diuse a finais dos anos sesenta e comezos dos anos setenta do século pasado. Nestes casos había que superar ademais a dificultade do idioma. A xente da Xesta tamén foi buscar traballo ao País Vasco ou Cataluña, e a cidades galegas como Vigo ou trasladouse á vila de Lalín. Tamén hai na exposición un panel adicado a emigración con diversas fotografías.

Outro apartado da exposición recolle diversas imaxes de xente da Xesta en Lalín. Aportouse á exposición a fotografía da homenaxe ao Alcalde Ferreiro, feita o 11 de febreiro de 1934 no "hospitalillo" en Lalín, o que seguramente significa que nesa homenaxe había algunha ou varias persoas da Xesta, cousa que nos corroborou o investigador Manuel Igrexas, que ten publicado un artigo sobre este tema no seu blog "dezahistorias". Tamén hai fotografías interesantes doutras rúas de Lalín, da praza da igrexa, da praza de Loriga e do campo da feira vello.

As tabernas foron e seguen sendo puntos de encontro. Na Xesta houbo varias que se foron sucedendo no tempo. Xa no catastro de Ensenada (1752) cítase a un taberneiro que era de Zobra. Despois, sendo a Xesta cruce de camiños, houbo pousadas nas que paraban os arrieiros. Isolino xa tiña taberna a finais dos anos trinta do século pasado. Nos anos 50 existiu o café de Perfeutino. Logo chegaron a coincidir no tempo ata catro tabernas: a de Isolino, a de Puga, a de Froiz e a do Miguelo. A última que existiu foi a taberna de Elia. Na exposición hai un panel adicado a taberna de Puga e outro a taberna de Elia.

A Xesta foi tamén terra de muíños fariñeiros e de muiñeiros. No catastro de Ensenada de 1752 menciónase que na parroquia había catro muíños fariñeiros dunha moa. O da Telleira que estaba arruinado e pertencía a Miguel Docampo, o de Porto Carreiro que era de Antonio de Novoa, o do rego da Silva que era de Xoán González, e o do arroio da Cova que era de Roque Taboada. Posteriormente, e vinculado á Xesta, apareceu o muíño de Froiz. Eduardo Jácome foi muiñeiro e tiña arrendado o muíño dos Froiz. Despois de morrer a súa primeira esposa, Florinda, casou con Celia e foi vivir a Covás na parroquia de Catasós e tivo alí un muíño, en Penouzas. Ildefonso, fillo de Eduardo e Florinda, tamén traballou nos muíños. O muíño de Froiz era muíño de herdeiros, pero logo foi de maquía.Ten tres moas e hoxe está en moi bo estado de conservación. Sobre o muíño de Froiz hai un panel completo con diversas fotografías, tanto da familia propietaria, coma dos muiñeiros mencionados anteriormente.

A Xesta foi unha encrucillada de camiños de importancia. É moi chamativa a presencia da Xesta na cartografía histórica. No "mapa del Reyno de Galicia", feito do ano 1762 a 1766, e na "Carta Geométrica" de Domingo Fontán, elaborada entre 1817 e 1834, a Xesta figura como unha entidade relevante en canto a vías de comunicación se refire. Dous eran os principais camiños que pasaban pola Xesta. En primeiro lugar, o chamado camiño castelán, e vía de peregrinación a Compostela, que comunicaba Ourense e Santiago con Madrid. En segundo lugar, o camiño dos arrieiros, que era unha das rutas polas que se comerciaba co viño do Ribeiro. Os camiños comunicaban os lugares, empregábanse para ir ás feiras e ás festas e foron mellorando co tempo. Daquelas congostras fondas poucas nos quedan. O progreso trouxo a estrada, despois o ferrocarril, e nos últimos tempos a autoestrada e o tren de alta velocidade. Así que pódese dicir que A Xesta é porta de entrada e punto de encontro, unha agarimosa benvida ao longo dos tempos para arrieiros, peregrinos e viaxeiros. Na Xesta conflúen camiños de terra, de ferro, de auga e de vida. Sobre este tema tamén hai fotografías interesantes na exposición.

Tiveron vinculación coa Xesta os reloxeiros Taboada. Deles da conta detalladamente Manuel Igrexas no seu blog "dezahistorias". José Mª Vázquez, que aprendeu con Ramón Aller, era de Vilanova e casou por dúas veces con mulleres da Xesta. O fillo da súa irmá Florinda, Evangelino, aprendeu o oficio de reloxeiro e instalouse en Vigo. Veraneaban no lugar de O Coto, no Barreiro, parroquia de Vilanova. No libro "Una historia para el recuerdo" escrito por María Elena Taboada, recóllese o que lles aconteceu a Evangelino e Adolfo Taboada, que foron perseguidos polas suas ideas para seren fusilados tralo alzamento nacional. Tres anos estiveron escondidos en palleiras e muíños, na Xesta e en Seixas, axudados a agocharse por varios veciños. Salvaron a vida, pero tiveron que comezar de novo no seu oficio. Na exposición de fotografía hai un panel con imaxes relacionadas coa familia dos reloxeiros Taboada.

Tamén pódense contemplar na exposición retratos das familias da Xesta. Aparte do interese para a veciñanza da parroquia, sobresae a beleza de moitas das fotografías en branco e negro, a maneira de vestir e detalles de interese etnográfico que se poden percibir en moitas das imaxes. Igualmente significativos son os paneis alusivos ás xuntanzas, á vida cotiá, aos aserradoiros, ao lugar do Navallo ou á presencia da Xesta nas carrozas da Feira do Cocido.

En definitiva o obxectivo da exposición fotográfica da parroquia da Xesta é expresar o que somos como pobo, botando unha ollada ó pasado para valorar e recordar o legado que recibimos dos nosos devanceiros e con elo honrar a súa memoria e así facer que siga estando viva e presente, porque sobre ela debemos construír o noso futuro. A mostra, que consta de 28 paneis temáticos e de 290 fotografías, está a ter boa acollida e seguirá aberta no local social da Xesta ata o 31 de agosto no horario de 19 a 21 horas de luns a sábado e domingos de 11 a 21 horas. Estades todos e todas convidados.

Compartir el artículo

stats