Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cristina Collazo: "Se che gusta o teatro, unha vez que o probas é imposible deixalo, é coma se fora un vicio"

"Estou moi ilusionada co pregón, é unha gran responsabilidade"

Cristina Collazo durante un concerto didáctico no auditorio da Bandeira. // Bernabé/Javier Lalín

A actriz silledense Cristina Collazo será a encargada de dar o pregón na 49 edición da Festa da Empanada na Bandeira. O discurso dará comezo ás 20.30 horas a xornada do sábado 19 deste mes. A intérprete atópase inmersa en diversos proxectos vinculados ao mundo teatral e prepara, tamén na Bandeira, a terceira edición do Festival Rural de Teatro o vindeiro 30 de setembro, no que afecionados aos escenarios poderán gozar dun espazo para amosar o seu talento ante o público.

-Como recibiu a noticia do nomeamento como pregoeira?

-Con moita ilusión! Dixéronmo de imprevisto saíndo dun bar, non o esperaba pero foi entre sorpresa e ilusión... Tamén un pouco de vergoña, se fose nun sitio que non coñezo a ninguén non me importaría tanto pero aquí verei a xente á que coñezo de toda a vida.

-Como plantexa o discurso?

-Teño moitas cousas na mente, pero o básico e o que teño moi claro é que teño que facer unha actuación, que eu non son moi de dar discursos. O que si aseguro é que haberá moitas sorpresas, actuación e música! Tamén haberá moito humor, porque todo será en clave cómica. O público terá participación seguro. É o meu primeiro pregón, nunca tiven a honra de algo así, polo que se trata dunha responsabilidade moi grande.

-Que vinculación tén vostede coa vila da Bandeira?

-É o meu lugar de nacemento e levo catro anos vivindo aquí. Estiven vivindo fóra, en Brasil, en Australia... Tamén estiven en Vigo moito tempo, pero agora decidín voltar e establecerme na casa da miña abuela.

-Que é A Bandeira para vostede?

-Para min, A Bandeira é unha vila cultural. É o pobo, a xente. Ten moita actividade, é moi divertido e, recalco, é sobre todo cultura.

-En que proxectos traballa actualmente?

-Temos un espectáculo de corte feminista chamado Mariñeiras, que estreamos no Pazo de Liñares fai unhas semanas, e estamos á espera de confirmar máis bolos. Tamén un proxecto subvencionado por Agadic chamado A gata con zocos, no que traballamos en conxunto con Anxo de Viravolta Títeres e a Banda de Música de Ordes, onde eu tamén toco. Estrearáse en decembro e faremos unha xira consistente en espectáculo de títeres e música tocada pola banda. Fago de contacontos pola zona, estou grabando algúns capítulos na tele... Tamén traballo no cárcere de Monterroso, temos un grupo de teatro e encántame estar con eles.

-Segue traballando coa compañía de teatro de rapaces en A Bandeira?

-Sí, agora están de vacacións pero facemos a Escola de Teatro Infantil e Música en Movemento, na Escola de Música da Bandeira. Temos bastantes participantes, en diferentes grupos. En Música en Movemento achego a rapaces de menos de 5 anos á música a través do corpo, facemos instrumentos con material de refugallo... Son clases moi bonitas, tivo moi boa acollida.

-Que debe ter en conta para vivir do teatro?

-É unha boa pregunta... Ante todo, que hai que traballar constantemente. Eu son autónoma e iso faino máis complicado aínda. Facer ti mesma de productora, actriz, directora... non é sinxelo e na nos compañía levámolo todo entre tres persoas. Hai que compaxinar moitos traballos, a poder ser teatrais, e ir saíndo adiante. É difícil pero é posible, debes estar ao pé do cañón todo o rato, e dependes de que á xente lle gustes ou non.

-Que consello daría a alguen que quere adentrarse no mundo teatral?

- Eu diríalles a todos aqueles que queren facelo e non se atreven que se deixen de medos, que o proben e xa verán como se enganchan. É un vicio, eu non podo deixalo.

Compartir el artículo

stats