Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Restos arqueolóxico-folclóricos no Viveiro e Ramil

Cando se roturou o monte por debaixo da aldea do Tarreo (década 1950), a pouca distancia do río Asneiro, na finca denominada O Viveiro apareceron tres ou catro pedras pulidas que, posiblemente, fosen muiños chairos ou cantos rolados aplanados: "Era como se foran pías e estaban moi alisadas por dentro". Este achádego podemos interpretalo como indicativo da existencia dun poboado neolítico pero, as referencias, aínda que precisas, son insuficientes. Porén, a existencia duns grandes penedos de paraneis pola parte de abaixo do Viveiro, a carón do Asneiro, denominados A Pena dos Mouros, reforza a hipótese anterior. A Pena dos Mouros fai referencia a unha lenda de tradición oral: "Alí vivían escondidos os mouros. Na parte de abaixo do penedo había unha porta pola que se entraba cara adentro e logo aparecían tres escalóns no interior da cova. Os escalóns aínda se poden ver hoxendía, pero a cova está bastante taponada".

Poboado neolítico

No linde oeste da parroquia está a aldea de Ramil (Gresande), onde se teñen atopado restos que deberon pertencer, con seguridade, a outro poboado neolítico ou da Idade do Bronce: "Apareceron machados de pedra pulidos, pedras de diversas formas, que non se correspondían coas que hai aquí e tiveron que traelas de outros sitios e desenterráronse obxectos parecidos a moldes para fabricación dalgún tipo de utensilio...". Este xacemento está por estudiar e os obxectos atopados por un agricultor consérvanse nunha casa da aldea de Ramil.

A pesares de que Soutolongo se atopa nas estribacións da Dorsal Galega, cun ambiente netamente colino, durante o extenso período neolítico gozou dunha bonanza climática (óptimo climático) que coincidiu coa máxima expansión do carballo en Galicia, dentro do que poderíamos denominar a paisaxe primixenia da nosa historia. Este ambiente obrigou aos antigos habitantes a viviren nas zonas altas, onde se desprazaban con maior facilidade e dominaban mellor o espazo. Como sinais inequívocas do seu paso quedan os túmulos e algúns indicios de ocupación transitoria, dado que practicaban unha agricultura itinerante.

Compartir el artículo

stats