Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Cabaleiro: "Quería chamar a atención sobre o absurdo dos estereotipos de xénero"

A Casa de Xantar A Culler acolle o día 11 a presentación do seu libro Sapos e sereas

Cabaleiro presentará a súa obra en Silleda o día 11. // Mónica Patxot

A Editorial Galaxia vén de publicar a ópera prima da silledense Ana Cabaleiro, Sapos e sereas, que o vindeiro sábado día 11, ás 19.00 horas, será presentada na Casa de Xantar A Culler de Trasdeza. Cabaleiro é para a sua editorial "unha voz especialmente singular dentro da nosa literatura e que nos vai agasallar, no futuro, páxinas coa mesma potencia literaria coma as que temos neste mollo de relatos". Como muller con raíces no rural, Ana Cabaleiro, aínda conserva "unha lagoa con máis dun millón de sapos e dúas ducias de ras cantoras", tal e como lle gusta dicir.

-Que foi o que lle animou a escribir un libro de relatos?

-Eu sempre escribín, o que pasa é que publicar un libro e escribir son dúas cousas diferentes. Eu sempre fixen relato porque é un xénero que me encanta, pero nunca me animei a xuntalos. Pero, así como hai xente que vai ao ximnasio, eu pensei en ir a cursos de escrita, e despois Francisco Castro, que agora é director xeral de Galaxia, animoume moito, aconselloume dando indicacións sobre a túa propia voz, aínda que ti a teñas, pero ás veces non eres consciente. Enton deime conta de que todos temos sempre a tendencia a escribir a mesma historia. En concreto, a miña historia está formada por varias historias moi reais, contemporáneas e que xogan sempre cos estereotipos. Por iso o título alude aos sapos e as sereas. O que quería verdadeiramente era chamar a atención e poñer o foco sobre o absurdo dos estereotipos de xénero.

-De aí o de que no libro nada é o que parece en realidade?

-É moi absurdo que ti contes unha historia onde unha persoa ten o desexo de bicar un sapo para que se converta nun príncipe ou nunha serea, que o máis bonito que tén é unha cola, teña desexo de convertirse en humana e ter pernas. A idea era a de xogar cos estereotipos mediante unha historia, con personaxes e un sitio ao que chegar, e ti podes facer miles de versións. Esas versións poden chamar a atención, por exemplo, sobre os problemas da vida diaria, que é o que intento eu con este libro de relatos.

-Canto hai de autobiográfico en Sapos e sereas?

-Penso que é un pouco difícil, ou totalmente difícil, identificarme a min particularmente cos relatos que están neste libro. Si que é verdade que no libro se pode comprobar que sendo xornalista a forma na que eu escribo é moi directa, onde non elucubro con soliloquios nin nada parecido, porque os xornalistas captamos a atención, e iso é algo que intento facer sempre. Penso que no libro se pode comprobar ese afán por tentar atraer a atención dos hipotéticos lectores.

-Hai referencias aos roles de xénero nesta primeira obra?

-Por suposto, eu son unha persoa moi preocupada por ese asunto. Case todas as protagonistas do libro son mulleres porque quería que todas as voces foran femininas. Outra característica deste libro tamén ten relación co feito de que son unha muller que provén do rural, entón toda esa parte de loita, de acomodarse ás circunstancias pois tamén está presente. Digamos que Sapos e sereas non é autobiográfico, pero é certo que o que ti levas dentro pois vai saíndo nos relatos que están recollidos neste libro.

Compartir el artículo

stats