Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O traxe do século XIX a través da delincuencia cerdedense (e II)

Cara ao remate do século XIX, os produtos da industria textil, pioneiros no proceso globalizador, condenaron a morte os fiandóns

Releo. // Imaxe proporcionada por Calros Solla

Seguimos coa nosa. En febreiro de 1846, o Xulgado de Tabeirós require a captura de Benito Varela, veciño de San Xoán de Cerdedo, por "malos tratamientos" a Manuel Simal, veciño de San Martiño de Figueiroa. Eis a descrición do Varela:

"Señas.- Edad 23 años, estatura cuatro pies y diez pulgadas (135 cm aprox.), pelo castaño, ojos pardos, nariz regular, barba lampiña, cara larga, color trigueño, viste pantalón tela rapon rayado, chaqueta paño negro, sombrero de palma, chaleco íd. tela rapon, zapatos blancos gruesos".

Verbo do "pantalón tela rapon rayado", Mª Ángeles González Mena, na "Colección pedagógico textil de la Universidad Complutense de Madrid" (1994), define "rapón": "Antiguamente, ropa larga que solía llevarse sobre los demás vestidos. En Castilla y Cáceres, colcha o cobertor". O dic. RAE rexistra o sinónimo "ropón". O rapón é un material que se emprega hoxe para recheos ou forros. Dedúcese que Benito Varela vestía un pantalón eleborado cunha tea reutilizada ou cun retallo. Ao respecto da "chaqueta paño negro", González Mena (op. cit.) define "paño": "Tejido muy tupido y raso, especialmente de lana". A cor "negra" dinos que, cecais, a tea foi tinguida. O sombreiro de palma, xa de palma canaria (Phoenix canariensis), xa de palla (centea ou triga). O chaleco coma o pantalón en feitura e color. Os "zapatos blancos gruesos" ben podían ser unhas alpargatas ou mesmo zocos, aínda con pouco uso.

En abril de 1853, o Xulgado de primeira instancia de Ribadavia, vía boletíns oficiais, solicita a captura de Domingos Garrido, veciño da aldea de Chamadoira, parroquia de San Xoán de Cerdedo, por roubar unhas pezas de roupa na casa de Antonio Martínez Rayos, veciño de Freás de Astariz (Castrelo de Miño). A seguir, a descrición de Domingos Garrido:

"Señas. Edad 30 años, estatura corta, barba cerrada y con patilla, pelo y ojos negros: viste pantalón pardo, chaqueta negra y vieja, chaleco ídem, sombrero gacho".

O "pantalón pardo" remítenos ao tecido de la basta, sen abatanar e sen tinguir. Chaqueta e chaleco combinados; a chaqueta gastada. Na cabeza portaba un pucho de feltro de copa baixa e arredondada, de aba ancha e tendida cara a abaixo.

En xaneiro de 1870, o Xulgado de primeira instancia da Estrada esixe a captura de Celestino Lago, alcumado Pesco, veciño de San Martiño de Figueiroa, acusado do homicido de Maximino Barreiro.

"Señas de Celestino Lago: Es oriundo de la villa de Muros; estatura como de 5 pies (140 cm aprox.), delgado, color blanco, ojos algo claros, barba naciente, tiene una señal en el lado de la cara; en días festivos viste chaqueta larga y pantalón negro; a diario pantalón de corte y chaqueta castaño oscuro, calza botas a la continua, y lleva en la cabeza sombrero redondo color habano".

Na descrición deste muradán aveciñado en Cerdedo, diferénciase o indumento cotiá da roupa da festa. A diario, viste un pantalón de xastre, feito a medida. A chaqueta, parda escura ou marrón. Os domingos ou festividades acompaña o pantalón negro cunha chaqueta por debaixo da cadeira (almilla, quizais con remontas). Decote calza unhas botas de coiro (prob., zocos, chancos, tamancos ou galochos: sola de madeira e pel de xato, ao natural ou tinguida) e, na cabeza, porta un chapeu de copa esférica e de aba media ou larga, elaborado en feltro marrón torrado.

En abril de 1895, o Xulgado de primeira instancia de Caldas de Reis, de resultas da investigación do homicidio de Xosé Fernández, require a Daniel Barrios Fernandez, "de 22 años, soltero, natural y vecino del Ayuntamiento de Cerdedo, de estatura regular, delgado de cuerpo, pelo y cejas negro, ojos pardos, cara larga, color del rostro trigueño y barba naciente. Viste chaqueta, chaleco y pantalón de paño de corte color castaño; usa camisola blanca y sombrero hongo a la cabeza color chocolate y calza botinas".

Daniel Barrios viste terno (ou apenas o pantalón) cortado en xastraría en tons marróns. Por baixo, en liño ou algodón, unha camisola de tea fina (prob., lapela en pico). Cubrindo a cabeza, en feltro, un sombreiro de aba estreita e coroa redonda de cor marrón; nos pés, cubrindo o tornecelo, uns botíns ou chinelas.

En xullo de 1896, o Xulgado de primeira instancia da Estrada, a través dos boletíns oficiais, "cita, llama y emplaza" a Xosé Leiro Liripio, canteiro e veciño de Figueiroa, acusado de lesionar a Manuel Sueiro Bouzas.

"Señas personales: Edad veintiséis años. Estatura regular. Color trigueño. Cara redonda. Pelo negro. Cejas ídem. Barba poblada. Viste pantalón, chaleco y chaqueta de tela ablancazada. Calza borceguíes. Boina azul".

Xosé Leiro Liripio tráxase con pantalón e chaleco. Toda a súa roupaxe, ou cecais só a chaqueta, tiraba ao branco ou, en orixe, fora desa cor. Nos pés leva uns borceguíns, é dicir, uns botíns de coiro que, xeralmente, eran abertos por diante e que anoaban amallós. Segundo imos vendo, os nosos "outlaws" non gastaban polainas; tampouco non, monteira. Tóucase Xosé cunha pucha de feltro azul, xa boina viguesa, xa chupeta, provista de viseira.

En maio de 1897, o xuíz instrutor da Estrada "llama y cita" o canteiro Francisco Gil y Gil, natural de Ventoxo (Forcarei) e veciño de Cerdedo, acusado de violación de domicilio e lesións, inflixidos a Claudio Porto.

"Señas del procesado: Pesa 60 kilos. Talla, 1 metro 60 centímetros. Color de las pupilas, castaño. Color del rostro, bueno. Cicatrices, ninguna. Barba poblada. Nariz y boca regulares. Pelo y cejas castaños. Viste pantalón, chaleco y chaqueta de tela clara usada, usa boina y calza zapatones".

Cara ao remate do século XIX, os produtos da industria téxtil, pioneiros no proceso globalizador, condenaron a morte os fiandóns. A introdución da fibra de algodón, a exitosa mecanización do fiado e do tecido, os procedementos de branqueo, tinguidura e estampado, unidos ao desenvolvemento dos medios de transporte foron acurrunchando os vellos fusos, rocas e teares domésticos e mais as urdas e tramas milenarias. De calquera xeito, Francisco Gil y Gil acudiu, probabelmente, perante a xustiza da Estrada, ataviado co seu fato vello, arrastrando os seus zapatóns ferrados e coa pucha calada até a sobrecella.

Compartir el artículo

stats