Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Axentes de Medio Ambiente alertan da proliferación de cortas e podas ilegais

Membros do servizo autonómico advirten da reiteración de danos á vexetación arbórea en cauces fluviais - Lembran á poboación a necesidade de solicitar autorización previa

Ameneiros podados xunto ao Rego da Veiga, na parroquia de Laro. // Bernabé/Javier Lalín

Axentes facultativos medio ambientais do Servizo de Conservación da Natureza alertan da proliferación de prácticas ilegais nas podas e talas de especies arbóreas en toda a comarca, especialmente a carón de cauces fluviais. Estas actuacións están a ocasionar graves danos nun ecosistema que tamén se ve afectado por outras problemáticas, como as enfermidades que atacan a algunhas árbores. Por iso, lembran á poboación a necesidades de solicitar autorización previa da Xunta de Galicia antes de realizar calquera tala ou poda que afecte á vexetación de ribeira.

Membros do servizo autonómico informan da reiteración de "actuacións agresivas e ilegais" contra a flora próxima aos ríos, regatos e pequenos cauces fluviais que atravesan a comarca dezá. Esta vexetación ten unha importante función ambiental como "corredor ecolóxico e na fixación dos propios cauces". Amais, proporciona "un efecto regulador da temperatura da auga -a sombra que lle aportan é vital para os peixes no verán- e contribúe á fixación do dióxido de carbono (C02), entre outros máis xerais", relatan os axentes.

O hábitat de vexetación de ribeira en Deza, igual que ocorre na maioría dos cauces de Galicia, "vese afectado pola alta mortalidade de ameneiros, provocada pola plaga de fungos Phytophthora alni, que acaba por secar esta especie dominante e singular dos nosos ríos e regatos", sinalan desde o servizo. Así é que calquera actuación sobre a vexetación ripícola necesita, inexcusablemente, unha autorización previa da Administración autonómica. Será esta quen marque as pautas a seguir para previr accións incorrectas, ilegais e, ás veces, irreversibles.

Nos permisos de cortas de vexetación de ribeira establécense condicións. No caso de especies como ameneiro, salgueiro e/ou freixo, tomando como referencia unha banda de vinte metros de lonxitude para cada unha das beiras do río, autorízase como máximo o 50% de cada unha das clases de tallas propostas en cada marxe: máis de 40 centímetros de diámetro -sempre que quede alomenos un exemplar-, entre 20 e 40 cm. -hai que preservar dous, como mínimo- e de menos de 20 cm., deixando sequera tres árbores. Para outras especies de crecemento lento, como carballo, bidueiro, castiñeiro ou avelaira, tómase como referencia unha banda de 40 metros de longo en cada beira e permítese o 50% das tallas propostas: máis de 60, máis de 40 e de 20 a 40 centímetros -sempre e cando queden tres exemplares, mínimo- e o 25% dos pés de menos de 10 cm. No caso de carballos e castiñeiros maiores de 60 centímetros de diámetros farase un informe específico antes de conceder o permiso. Para especies non auctótonas, caso de piñeiro, eucalipto, robinia ou acacia, poderase autorizar ata o 100% do solicitado sempre que exista vexetación autóctona no treito afectado; do contrario, respectarase cando menos un pé de máis de 10 cm. cada dez metros liñais e todos os rebrotes de autóctonas menores de 10 cm. de diámetro.

Compartir el artículo

stats