Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio Sueiro Cadavide, o mellor alcalde de Cerdedo (e IV)

Foi ratificado no cargo por maioría absoluta nas eleccións de 1933 nas que as mulleres votaron por primeira vez en Cerdedo

Sinatura do alcalde Antonio Sueiro Cadavide.

Coa axuda do secretario Carlos González Estévez, o alcalde Sueiro sanea a economía do Concello, desbaldida por décadas de xestión caciquil (léase o pontevedrés El País do 17 de febreiro de 1933). Coa axuda do xuíz municipal Pancho Varela, fai cumprir a legalidade constitucional e mantén a raia os dereitistas máis exaltados (de primeiras, cedistas; despois, falangistas). Coa axuda do mestre Francisco Varela Buela, créase o Centro de Colaboración Pedagóxica que, mediante charlas e conferencias itinerantes, vai conscienciando os pais da necesidade de mandar os fillos á escola. O CCPC tamén promove o teatro, a recitación, o cooperativismo agrícola, a cultura de noso... A través do Padroado das Misións Pedagóxicas, o alcalde xestiona en agosto de 1933 a recepción de catro bibliotecas escolares para os mestres de Quireza, Bugarín, Cerdedo e Folgoso... etc., etc.

Os resultados das municipais do 23 de abril de 1933, nas que por primeira vez se aplica en Cerdedo o sufraxio universal (é dicir, votaron as mulleres), ratifican a Antonio Sueiro no cargo. Maioría absoluta.

De calquera xeito, a dereita non se aviña ás novas regras do xogo. Arrogándose un mandado divino e escudándose na imaxe do Ecce Homo, teiman en boicotear a xestión de Sueiro. Di o pobo: "Antonio do Lagharto non era un alcalde de levita, os caciques tíñanlle unhas ghanas...". Transcorridos trinta e seis meses de goberno exemplar, a oportunidade de vinganza chegaría.

O 8 de setembro, Azaña presenta a súa dimisión e o presidente da República, Alcalá-Zamora, encárgalle artellar goberno a Alejandro Lerroux, líder do Partido Republicano Radical (PRR). Durante o Bienio Negro, o goberno de dereitas paraliza as reformas emprendidas pola esquerda nos anos anteriores. Este período abranguerá dende as eleccións xerais de novembro de 1933 deica as eleccións xerais de febreiro de 1936.

En outubro de 1933, o alcalde Antonio Sueiro Cadavide, canda outros camaradas, abandona o Partido Radical Socialista (PRRS), integrándose no Partido Republicano Radical Socialista Independiente (PRRSI).

O 19 de novembro de 1933 celébranse as segundas eleccións xerais do período republicano. En Cerdedo, as mulleres acoden ás urnas por segunda vez. No Estado, os comicios outórganlles a maioría aos partidos da dereita, porén, en Cerdedo, o pobo secunda maioritariamente as esquerdas, inferíndolle unha severa derrota ao Partido Republicano Radical, tras cuxas siglas se agochaban os reaccionarios.

Agosto de 1934. No principiar do mes, os integrantes do PRRSI de Cerdedo (escisión pola esquerda do PRRS) intégranse en Izquierda Republicana (IR).

O día 5 de outubro, respondendo á entrada no goberno dos fascistas da CEDA e ás provocacións dos integrantes de Falange e mais das JAP (Juventudes de Acción Popular), estala a revolución. A folga xeral revolucionaria abrangue do 5 ao 19 de outubro.

Conforme a literatura procesual (tendenciosa), a esquerda de Cerdedo solidarízase coa revolta (que se recrúa en Asturias), organiza a súa versión do "Ejército Rojo" e, capitaneada polo alcalde, entra, supostamente, en acción.

Houber ou non conflito en Cerdedo, nos días sucesivos, Antonio Sueiro Cadavide, o seu fillo Camilo Sueiro Bouzas, Sabino Bugallo Valiñas, Carlos González Estévez, Francisco Varela Garrido, Xosé Torres Paz e Alfredo Iglesias Álvarez son detidos pola Garda Civil, trasladados á prisión de Pontevedra (no sitio do actual edificio da Audiencia Provincial), procesados e, finalmente, encarcerados. Imputóuselles promover un movemento subversivo en Cerdedo, montar unha barricada na estrada de Ourense (km 624), nas inmediacións de Pedre, e seren instigadores dunha suposta tentativa de asalto ao cuartel da Garda Civil.

Antonio Sueiro é acusado de tenencia de armas (era cazador, tiña unha escopeta, posuía licenza), tenencia de explosivos (era canteiro, estaba abrindo un pozo na súa casa, solicitara permiso) e, como alcalde, de negarse a publicar o bando declarando o estado de guerra (outra acusación falsa).

Após a lectura atenta do proceso, dexérgase que a dereita local aproveitou a excepcionalidade para, magnificando o acontecido, chimpar a esquerda do poder.

Tras pasaren dous meses en prisión, mediado decembro os "revolucionarios" cerdedenses son postos en liberdade. Para acadaren a liberdade provisional, cada un dos detidos debeu aboar unha fianza de 1.000 pesetas. O 8 de marzo de 1935, examínase a causa e, por falta de probas concluíntes, dítase o seu sobresemento, agás no caso do alcalde Antonio Sueiro que, a maiores, é acusado de falsidade en documento público. O xuíz da Estrada Fermín Bouza Brey ábrelle un novo proceso, culpándoo de asinar un documento que recoñecía a Francisco Cerdeira Gil como director da banda de música municipal. O escrupuloso Bouza Brey esíxelle a Sueiro 3.000 pesetas de fianza. Sabendo que Cerdeira era, amais de director dunha banda de música, un coñecido dereitista, decatámonos de que o alcalde favorecía a todos os veciños sen reparar na súa ideoloxía. Acoso e derruba.

Durante o ano 1935, o Concello fica nas mans dunha comisión xestora controlada pola dereita. Con Antonio Sueiro Cadavide afastado da alcaldía, os voitres non demoran botarlle as poutas á prea. A situación torna aos tempos do enchufismo e a corrupción. O novo e arribista goberno de Cerdedo, refractario á vontade maioritaria do pobo, fica ao arbitrio dos especuladores. A dereita local divide as súas forzas entre o filofascismo cedista e o corrupto Partido Radical de Lerroux e Iglesias. Os membros da Comisión Xestora, os "gestivos", non actúan por conviccións, a súa única motivación é o reparto das farangullas do orzamento municipal e trábanse entre eles para acadar o mellor lote. A construción da nova casa-cuartel (o inmóbel localizado hoxe na intersección da estrada xeral e a rúa da Constitución) convértese na bicoca do resucitado caciquismo cuxa única preocupación era a pugna polas cadeiras de mando. O pobo volve ser vítima da vella política intimidatoria, aplicada de xeito especial cos abandeirados da causa republicana.

Os padecementos do alcalde democrático Antonio Sueiro (reclusión inxusta, sancións económicas, ostracismo...) foron somerxidas no piago do esquecemento. Probabelmente, a súa inhabilitación salvoulle a vida cando o golpe de Estado de xullo do 36. Por desgraza, moitos dous seus compañeiros (Francisco Varela Garrido, Xosé Torres Paz, Secundino Bugallo Iglesias, Francisco Arca Valiñas...) pagaron coa vida a defensa da liberdade.

A prensa da época transloce que a dereita local conspirara para desbancar a Antonio Sueiro Cadavide e ao seu equipo de goberno. Consonte as testemuñas orais e os testemuños escritos, Antonio do Lagharto foi o político máis honrado, ecuánime e democrático que ocupou a alcaldía Cerdedo. Dende logo, ao longo da súa existencia deixou mostras abondas da materialización do seu ideario: defensa dos desfavorecidos, fomento da educación e promoción da cultura.

A finais da década dos sesenta, Antonio Sueiro, home singular onde os haxa, sobreviviu a un raio que o atravesou de parte a parte. Como consecuencia da acometida, debeu levar o brazo dereito nunha estribeira até a fin dos seus días, empecéndolle a mobilidade e impedíndolle tocar a gaita, instrumento polo que sentía verdadeira devoción.

Antonio Sueiro Cadavide morreu o 19 de agosto de 1972 aos 80 anos de idade. No cemiterio de Cerdedo, a tumba do "alcalde Limeres" contrasta pola súa humildade cos panteóns da autoridade caciquil e franquista. Os herdeiros ideolóxicos da ditadura, os mesmos que fixeron esvaecer o concello, honraron cunha rúa o nome dun alcalde de infausto recordo. Na terra, a lápida de Antonio Sueiro, persoeiro insigne de Cerdedo, carece mesmo de inscrición. Non esquecemos!!

Compartir el artículo

stats