Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Belén Taboada Barros: "Levamos máis de un mes de curso e non sabemos nin os contidos das reválidas"

"Estas probas non son representativas do esforzo que se fai durante todo un ano"

Belén Taboada impartiu onte unha charla canda Xabier Rodríguez. // Bernabé/Javier Lalín

Estudantes dos institutos dezaos continúan amosando o seu descontento en contra da Lomce. Tanto é así que hoxe moitos deles seguirán a convocatoria de folga do Sindicato de Estudiantes e, no caso de Lalín, manifestaránse na Praza da Igrexa. Onte, o Movemento Dezao polo Ensino Público organizou un encontro no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa de Lalín, onde interviñeron o secretario da xunta de persoal docente de Pontevedra, Xabier Rodríguez, e a estudante lalinense Belén Taboada Barros.

-Cal era motivo desta charla e a quen estaba dirixida?

-Aínda que tanto eu como Xabier falamos da Lomce, eu céntrome principalmente en explicar que son as reválidas e como nos afectan dende o punto de vista dos estudantes. Logo el explicou as tres preguntas que aparecían na connovatoria: Por que non á Lomce?, por que non así? e por que non agora? O acto estaba dirixido a todos os que queren informarse sobre a lei: Estudantes, familia de alumnos ou a calquera en xeral.

-Por que ese malestar tanto de parte do alumnado como do profesorado coa Lomce?

-Por esta lei non busca beneficiar o alumno se non que busca perxudicalo. Por exemplo, coas reválidas elimina da educación a bastantes alumnos, os que suspendan un só examen. Así que non beneficia en nada en absoluto.

-Moita xente cre que as queixas veñen porque esta lei supón un esforzo académico maior. É isto certo?

-Non. Cremos que o esforzo académico non é chegar a maio e facer un examen e xa está, senón que o esforzo é o feito de estar estudando durante todo o curso e aprobar as tres avaliacións. Un traballo constante, non a lexitimidade de que un día que sexa determinante para obter o título. Parécenos que desta maneira non se ve recompensado o esforzo de un ano, porque un día malo pode telo calquera.

-Que diferencias encontran entre as reválidas e a selectividade?

-Selectividade é unha proba que serve para ter unha nota que facilite o acceso a unha ou a outra carreira. Porén, a reválida xa se fan tamén en terceiro e sexto de primaria, e en cuarto da ESO e en segundo de bacharelato. E nestes casos, se suspendes o examen, non só se che prohíbe o acceso a universidade ou ao bacharelato, se nón que ademais non tes o título. Alguén que suspenda vai ao mundo laboral sen titulación, a pesar de ter aprobado todas as avaliacións, por simplemente suspender o último examen. Para conseguilo habería que repetir a reválida o ano seguinte.

-Como está sendo o curso?

-Aos que máis perxudica este ano é a nós, aos de segundo de bacharelato. Pois, xa levamos máis de un mes de curso e aínda non sabemos como vai ser a proba. Non sabemos os contidos que nos van preguntar, nin os tipos de preguntas, nin tan sequera se é en maio ou en xuño. O que máis nos preocupa é a incertidumbre que estamos a vivir.

-Ven posible que vaia a mudar algo?

-Non o sabemos, non podemos certificar que algo cambie, pero eu digo que non podemos calar ante isto, debemos seguir loitando, aínda que non se consiga nada. Por iso imos seguir a folga do Sindicato de Estudiantes e imos a facer unha manifestación diante da Praza da Igrexa, e no só alumnos do IES Laxeiro, senón tamén estudantes do IES Ramón Mª Aller Ulloa, que colaboran con nós.

Compartir el artículo

stats