Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Capitáns do patrimonio arqueolóxico de Cerdedo

Capitán Gosende descobre un novo gravado rupestre, e van 25, en Figueiroa

Membros de Capitán Gosende, a carón da súa nova descuberta.

Na xornada do domingo 19 de xuño, sol e moscas, o equipo de exploración de Capitán Gosende escolleu os montes das parroquias de Parada e Figueiroa para dar continuidade ao seu labor de busca e descuberta do acervo prehistórico do concello de Cerdedo.

Mentres a autoridade local anuncia a bombo e prato o descubrimento da pólvora e se entretén co "puedo prometer y prometo", pouquiño e pouco, sen espaventos, os Gosendes van sacando á luz belidas mostras do noso patrimonio arqueóloxico, outro dos eidos damnificados polas políticas de voo de galiña e "sálvese el que pueda".

Prosiga a autoridade, se é o seu desexo, vendéndonos o fume da súa panacea turística (camping de bungalows e caravanas, cabanas nas árbores, contactos con axentes e turoperadores "de todo el mundo y parte del extranjero", e outras ceceantes veleidades electoralistas), pois, só enganarán a quen se queira deixar enganar.

Nós ao noso. Monte arriba monte abaixo, na tardiña do pasado domingo, a tropa de Capitán Gosende descubriu un novo gravado rupestre (e van vinte e cinco). O novo achado localízase no cimo dun outarelo pertencente á parroquia de Figueiroa, a escasos 200 m cara ao leste da estrema coa parroquia de Parada (a uns 800 m ao sudoeste do lugar do Milladoiro) e a pouco máis de 300 m ao norte da foz do río Lérez.

O selleiro labrante da Idade do Bronce escolleu para eternizar a súa arte un eminente afloramento granítico (situado a 548 m de altitude) no que, previamente, os axentes erosivos deixaran a súa impronta en forma de píos de gran cabida. Cóntanse catro ou cinco píos, malia que o penedo fora desposuído, por extracción, de máis da metade do seu ser. Os rochedos da contorna evidencian así mesmo que o lugar se empregou até hai pouco como canteira.

O petróglifo componse de 11 pequenas coviñas que, debuxo punteado, formarían un bico de frecha orientado cara ao nacente. Así e todo, o elemento máis interesante é un risco fino e serpeante que une dous dos píos naturais. O penedo é un santuario ao ar libre duns 4.000 anos de antigüidade.

O gravado (coordenadas: X: 551270; Y: 4710794), á espera de precisar o topónimo, foi bautizado co nome de "petróglifo de Porriñeiras" (véxase o Topográfico). O soporte da inscultura áchase no medio dunha repoboación de piñeiros, ollo, daquela, coas tarefas de desbroce, pois ben sabemos que a maquinaria non sabe de arte rupestre; a autoridade tampouco.

Compartir el artículo

stats