15 de diciembre de 2013
15.12.2013
CERDEDO

O terremoto de Lisboa sentiuse en Cerdedo

Tralo sismo, o tremor da terra durou en Cerdedo uns cinco minutos, acadando intensidade de grao VI na escala de Mercalli

15.12.2013 | 03:51
Terremoto de Lisboa, segundo un gravado de Ralph M. Pearson, (1887) facilitado por Calros Solla.

Cara ás 10 da mañá do 1 de novembro de 1755 a terra tremeu violentamente nun punto impreciso do océano Atlántico, ao sudoeste do cabo de São Vicente (Portugal). O sismo acadou a magnitude 9 na escala Richter. A cidade de Lisboa foi arrasada por mor do estremecemento do solo, do embate do mar e dos subsecuentes e pavorosos incendios. A vaga sísmica irradiouse ao longo e largo da Península Ibérica, percibíndose en cada recuncho da Galiza. En Cerdedo, o tremor da terra durou uns 5 minutos, acadando unha intensidade de grao VI na escala de Mercalli.

Non somos nada, non obstante, a humanidade irresponsábel veza en desbaldir a casa que habitamos, supeditando o ben común ao desaforo das multinacionais e dos seus anónimos accionistas. Non somos nadiña, mais, sen pensar nas consecuencias, os seres humanos reiteramos sen dó as aldraxes ao planeta que nos deu o ser.

As grandes fortunas, testemuño impúdico do reparto disimilar da riqueza, sostéñense na enxurra e rapina do medio natural e na explotación do subdesenvolvemento. Triúnfa quen fomenta e gaba o consumismo, quen xestiona o capital, quen controla os medios de produción, quen acapara as materias primas..., obviando que a prodigalidade da natureza non é perdurábel; ignorando o aumento exponencial dos que carecen do mínimo para subsistir. A clase obreira, antano contestataria, deveu anódina, tan só mainas ovellas pacendo inadvertidas nos herbais dos saldos e das rebaixas. Prevalece quen gasta a eito (mormente, os haberes da comunidade). Fracasa a racionalidade, a austeridade, o comedimento. Temos sucumbido ao engado das necesidades inventadas.

Mais, de cando en cando, a Terra ponnos diante do espello, devólvenos á crúa realidade. De raro en raro, o planeta acorda do seu profundo sono, espreguiza, estrica as súas costuras e acanea o voraz formigueiro humano.

O domingo, 8 de decembro, a iso das 20:00 horas, a codia terrestre tremeu no lugar da Lagoa (Campo Lameiro), a escasos 13 kilómetros do núcleo de Cerdedo. O sismo acadou unha magnitude de 3,2 na escala Richter, facéndose notar en moitas localidades da bisbarra e provincia. Un case nada, un calafrío.

por un intre, en rodas e faladoiros (reais ou virtuais), os mortais, aínda estarrecidos, interpretamos a opereta de costume: "Non vale ren ansiar riquezas ou poder, porque, en pé ou polo chan, todo ha quedar neste mundo. Apenas, o amor, a amizade, o compromiso, a solidariedade, demostrados en vida, relustrarán coma ouro no noso enxoval mortuorio". Palabras gastadas.

Abofé que nalgún oficio litúrxico se lle pediu ao deus impertérrito que volvese adormentar as montañas, que aquietase de novo os penedos, lembrando, cecais, aquela pasaxe do Evanxeo de Mateo (27, 51-54), parafraseada polo pobo: "Os santos montes se abriron, uns con outros a gholpes se desfixeron".

Por fortuna, non houbo vítimas que chorar e, coa luz do novo día, esvaídos os remorsos do pesadelo, as termiteiras da cobiza axiña se enfrascaron nas súas maquinacións, coma se nada acontecer.

Por acaído, traio hoxe a estas páxinas do Faro de Vigo o tráxico episodio do terremoto de Lisboa que, en 1755, sacudiu os alicerces da Península, devastando a populosa capital portuguesa. Este retallo xa fora escolmado para O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo, libro publicado por Ed. Morgante en 2012.

Para o particular, recoméndolles, así mesmo, a lectura de Los efectos en España del terremoto de Lisboa (1 de noviembre de 1755), da autoría de J. M. Martínez Solares, editado en 2001 pola Dirección General del Instituto Geográfico Nacional.

Cara ás 10 h da mañá do 1 de novembro de 1755, sábado, a terra tremeu violentamente nun punto impreciso do océano Atlántico, ao sudoeste do cabo de São Vicente (Portugal). O sismo acadou a magnitude 9 na escala Richter. A cidade de Lisboa foi arrasada por mor do estremecemento do solo, do embate do mar e dos subsecuentes e pavorosos incendios.

A vaga sísmica irradiouse ao longo e largo da Península Ibérica, percibíndose en cada recuncho da Galiza. Na ateigada igrexa parroquial de Amiudal, no concello de Avión (Ourense), o pánico provocado polo que se cría a fin do mundo deveu en desbandada. O tumulto atrollou unha muller, machucándolle mortalmente o corpo. O terremoto causou na Galiza dúas vítimas mortais e numerosos feridos.

A aldea de Amiudal localízase a uns 30 km (N-541>OU-212) do lugar de Cerdedo. A 18 km en liña recta, co monte do Seixo polo medio

Amiudal foi berce do explorador e aventureiro Afonso Graña Cortizo (1878), Afonso I da Amazonia, rei dos xíbaros do Alto Marañón. Faleceu na selva, en Iquitos (Perú), no ano 1934.

En Cerdedo, o tremor da terra, precedido e acompañado dun zunido xordo, durou uns 5 minutos, acadando unha intensidade de grao VI na escala de Mercalli. Nas horas, meses e anos seguintes, secuenciáronse as réplicas.

Os animais ventaran a catástrofe. Após, vibraron as estruturas, os mananciais deitaron turbios, apreciáronse alteracións (enchentes) no caudal dos ríos e das fontes, avistáronse luminarias no ceo...

Cando, alá polo ano 1994, facía a catalogación dos muíños do río do Seixo, recollín, en Abelaíndo (Cerdedo), a seguinte información verbo da derruída ponte da Aghullás: "Á ponte da Aghullás levoulle as pedras unha chea do río, un ano que se moveu a terra, moitos séculos atrás". Daquela, non asociei a ruína da ponte co terremoto de Lisboa, hoxe, non considero desatinado pór en conexión os feitos. Tempo despois, os veciños refixeron a ponte, pousando traves de madeira encol do baseamento orixinal de pedra. O río do Seixo arroiaría novamente o pasadoiro do que, na actualidade, só fican, en ambas as dúas marxes, as dormentes.

En consonancia cos textos de Rodríguez Fraíz, as obras de ampliación da igrexa parroquial de Cerdedo comezaron o 1 de abril de 1779 -apenas catro anos despois do terremoto-, baixo a dirección dos canteiros cerdedenses Xosé Neto e Manuel Varela. Cecais, os desperfectos ocasionados polo movemento sísmico na estrutura do antigo templo aceleraron o proceso. Cecais, a chegada da milagreira talla do Ecce Homo a Cerdedo (finais do ano 1776) garde relación co sinistro.

Sexa como for, máis estrago fixeron no edificio os soldados franceses ca a natureza. En marzo de 1809, en plena Guerra da Independencia, os gavachos, empoleirados no campanario, precipitaron a imaxe do san Xoán inter turres, obra de Xosé Neto. A escultura foi restaurada en 1811 por outro Xosé Neto, fillo do anterior e tamén canteiro.

A ponte de Cerdedo, ou de Santo Antón, vao do río do Castro, de fundamentos prerromanos, romanos e medievais, foi construída ab origine, mediado o século XVII, baixo a dirección dos mestres ponteiros Pedro Fortes Porto, veciño de Cavenca (Cerdedo), e Pedro de Covelo, veciño de Covelo. Que saibamos, non se teñen documentado, dende aquelas, traballos de reforma ou consolidación na edificación, polo que é evidente que a rexa estrutura aturou ben a sacudida de 1755 e o paso do tempo. Verbo da ponte Valoutas (ou dos Madeiros), tras as reconstrucións in situ de 1698 e 1746, a actual ergueuse nunha nova localización, río abaixo, no ano 1852. Tras unha enchente acontecida no inverno de 1873, foi obxecto dunha nova restauración.

Luis de la Riega, no se libro El río Lérez (1892), data en 1882 a derruba da Torre dos Mouros, á beira do río Lérez, mítico outeiral da mourindade, a causa "de un brusco sacudimiento del suelo" (páxs. 12-3). Efectivamente, o 7 de setembro de 1882, tremeu a terra violentamente en Panamá (magnitude 7), sendo perceptíbel en Costa Rica, Nicaragua, Colombia, Venezuela e mais Ecuador; non obstante, coidamos improbábel que os seus efectos atinxisen a outra beira do Atlántico, polo que, sen pretender emendar a De la Riega, lle apomos a responsabilidade do cataclismo ao sismo de Lisboa, ou ben a calquera dos terremotos rexistrados na provincia de Pontevedra durante o século XIX: o 4 de xuño de 1849 (intensidade III-IV), o 10 de outubro de 1849 (III-IV), en agosto de 1873 (IV-V) ou o 30 de maio de 1886 (IV).

Pola banda de Pontevedra, o telúrico arrepío lisboeta sentenciou o templo vello de San Bertolameu (derrubado finalmente o 23 de xaneiro de 1842) e axotou as sardiñas da ría. As redes baleiras do xeito comprometeron a economía local. O Padre Sarmento, nunha carta remitida a seu irmán Francisco Xavier, con data do 31 de decembro de 1755, di: "Esa villa no sabe apreciar lo que tiene, sino cuando le falta. Y en especial los Moureyros, pues ahora echarán menos la gran utilidad de la ría, porque el terremoto se la quitó".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia