A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ao IES Aquis Celenis de Caldas unha exposición interactiva sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro. A mostra, que estará neste centro educativo ata o vindeiro día 21, enmárcase dentro das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.

Grazas a esta mostra, os estudantes poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Ademais, xunto coa instalación multimedia, tamén se exhiben algúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Esta mostra interactiva, que está percorrendo centros educativos das catro provincias galegas, visitará proximamente o IES Xesús Taboada Chivite, de Verín; o IES Lauro Olmo, do Barco de Valdeorras; e o IES de Celanova, vila natal do autor, na que se clausurará esta exposición no mes de decembro. Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor, http://celsoemilioferreiro.org.