21 de febrero de 2012
21.02.2012

Que foi da pedra armeira do pazo dos Gosende?

Dos devanceiros de Martiño Sarmento e de Rosalía de Castro, esta valiosa peza histórica leva unha década afastada de Cerdedo

21.02.2012 | 09:09
Peaña que sostiña o brasón familiar dos Gosende nas ruinas de San Domingos. // Calros Solla

O brasón familiar do pazo das Raposeiras, onde naceu Frei Martiño Sarmiento, marchou para Pontevedra ao final dos anos vinte ou comezos dos trinta do pasado século. Polo ano 2000 visitei as ruínas de San Domingos na procura do escudo. E alí o atopei, medín e fotografei a doela brasonada do pazo dos Gosende. Pouco despois, desapareceu da súa peaña en San Domingos. Ninguén me soubo dar razón dunha peza de indiscutíbel relevancia para a historia do noso concello. Ben farían as autoridades en pescudar o seu paradoiro e pedir a súa pronta reposición en San Domingos, ou mellor facer, as xestións pertinentes para custodialo no Museo da Pedra local.

Gosende é un apelido de lugar de orixe. Segundo o Nomenclátor da Galiza, Gosende é o nome de catorce lugares esparexidos pola nosa xeografía: doce na provincia da Coruña, un na de Lugo e outro na de Ourense. Non existe, daquela, lugar ningún con tal denominación na provincia de Pontevedra.
O topónimo Gosende é un antropotopónimo, é dicir, un lugar bateado co nome do seu antigo posesor, Gaudesindo, chamadeiro de orixe latino-xermánica. Da expresión latina "(villa) Gaudesindi" –o eido de Gaudesindo– derivou Gosende.
O apelido Gosende aparece en trinta e cinco concellos galegos, acadando as máis altas porcentaxes no de Outes (A Coruña). Na provincia de Pontevedra, Gosende rendibilízase, entre outros, nos concellos de Cuntis, Cerdedo, Forcarei e Pontecesures. Os devanceiros dos Gosende de Cerdedo, fidalgos rurais, deberon aveciñar na Terra de Montes en época medieval, chegando a enseñorarse de boa parte da parroquia de San Xoán.
Os Gosende galegos de máis sona adscríbense a árbore xenealóxica de Frei Martiño Sarmento (Pedro Xosé García de Ceraxe e Figueiroa Gosende e Balboa Sarmento), descendente dos Gosende das Raposeiras (Meilide-Cerdedo). Sarmento, nado no pazo das Raposeiras no ano 1695, vén sendo da xunción dos Ceraxe de Augasantas (Cotobade) e os Gosende de Meilide (Cerdedo). A finais do século XVI, o tataravó de Sarmento, o capitán Gosende, comandando as milicias aldeás de Montes, acudiu en auxilio das cidades de Compostela e A Coruña violentadas pola hoste do corsario inglés Francis Drake.
No mes de Nadal do ano 1745, Sarmento, en tornando a Madrid tras unha frutuosa estadía de oito meses na Galiza, visita a casa patrucial das Raposeiras. Nela pernocta os días 2, 3 e 4 do devandito mes. No seu caderno de viaxe, escribe: "La dicha casa grande tiene un corral con un grande arco de piedra sillería y en la clave este escudo antiguo". A seguir, o frade ilustrado reproduce o brasón familiar.
Nove anos despois, no diario de viaxe de 1754, recunca: "mi abuelo paterno [...] Se llamaba Alonso García de Ceraxe y Figueiroa, nacido en Ceraxe, y oriundo de Viascón por el Figueiroa, familia patrona de Viascón. Mi abuelo dicho pasó a casarse a Cerdedo con María de Gosende en la casa das Raposeiras, en donde nació mi padre, casa solar del capitán Xoán Gosende, mi tercer abuelo, y cuyas armas, que subsisten en dicha casa y copié el diciembre de 745, son una grande media luna, tres luceros y cuatro globos".
Xosé Millán (?1936), membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, xestiona a adquisición da peza cara ao final dos anos vinte, comezos dos trinta do pasado século. Uns din que o escudo dos Gosende marchou para Pontevedra en troco de cinco pesos, outros que foi –forzosa ou non– unha doazón. Coa extracción da pedra brasonada derrubouse o arco do portal polo que se accedía ás dependencias pacegas.
L. F. Messía de la Cerda, no seu libro, "Labras heráldicas del Museo de Pontevedra" (1991), fai descrición da pedra armeira, integrante da sección lapidar do museo e posta a recado nas ruínas de San Domingos (avenida de Montero Ríos nº 1): "Se trata de una piedra que es la dovela del arco de entrada a una casa; sobre la misma está grabado un escudo cortado, correspondiente a las armas del Capitán Gosende: Primero, leyenda: "Capitán Gosende". Segundo, GOSENDE: A la siniestra una media luna "tornada", entre sus puntas una estrella de ocho puntas. Adiestrados de otras dos estrellas de ocho puntas colocadas en palo. En jefe, en faja dos bezantes o roeles, y otros dos en la misma posición, en punta".
Alá polo ano 2000 ou 2001, cando preparaba os materiais para o Inventario xeral da freguesía de Cerdedo (2002), visitei as ruínas de San Domingos na procura do escudo. E alí atopei, medín e fotografei a doela brasonada do pazo dos Gosende, exposta ao fondo do recinto, arrecunchada tras o mainel da reconstruída portada de San Bertolameu o Vello, parede enfeitada cun gótico rosetón. O escudo en pedra da liñaxe gosendina pousaba enriba dun pequeno esteo.
No Inventario xeral escribín o seguinte: "En San Domingos a peza antedita repousa sobre pedestal pétreo de feitura moderna de 74 cm de alto 22/26 cm de ancho e 21/24 cm de fondo, enfeitado con motivos vexetais e xeométricos mais a inscrición: R[everendísimo]. P[adre]. M[estre]. Fr. Martín Sarmiento. A doela brasonada posúe unhas dimensións aproximadas de 60 cm de alto, 70 cm de ancho na parte superior, 40 cm na parte inferior (achafranada) e 18 cm de fondo. O escudo (45 x 35 cm) sobresae 3´5 cm da clave".
Pouco despois, a pedra armeira desapareceu da súa peaña en San Domingos. Preguntei en varias ocasións polo escudo aos guías do museo, mais non houbo quen me soubera dar razón dunha peza de indiscutíbel relevancia para a historia do noso concello.
A pedra armeira dos Gosende das Raposeiras, devanceiros do cerdedense Fr. Martiño Sarmento e mais de Rosalía de Castro, leva unha década afastada do seu postorio, privando os numerosos visitantes da súa contemplación. Sabedores da existencia en Cerdedo dun museo adicado ao enxalce da pedra e dos pedreiros –é dicir, ao enxalce da nosa idiosincrasia–, ben farían as autoridades en preocuparse por pescudar o paradoiro deste símbolo selleiro, solicitar a súa pronta reposición en San Domingos, ou mellor, facer as xestións pertinentes para, ben como cesión, ben como depósito, custodialo no Museo da Pedra local para enriquecemento, congruencia e lustre da súa colección.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia