Por fin. Logo de moitos esforzos de particulares e colectivos, Ramón de Valenzuela xa ten unha rúa na terra onde naceu, no Concello de Silleda. A memoria do autor de "Non agardei por ninguén" e "Era tempo de apandar" foi homenaxeada onte á tardiña na Bandeira, coa dedicación dunha rúa e mailo descubrimento dunha placa conmemorativa na súa Casa da Viña, na parroquia de Abades.

O acto cívico comezaba contra as oito da tarde na Praza da Feira, coa participación da súa viúva, Mariví Villaverde, o escritor e académico Xosé Neira Vilas e mailo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará. Como condutor do evento oficiou Matías Rodríguez da Torre, presidente da Asociación Sociocultural Adellís, promotora do tributo, xunto á Comisión pola Memoria Siñor Afranio. Neira Vilas e maila súa dona, Anisia Miranda, relataron a biografía do seu amigo falecido e experiencias do exilio. Pola súa banda, Bará incidiu na recuperación da memoria histórica como base "dunha democracia digna" e ensalzou a Valenzuela como membro dunha "xeración única en Galicia que se esforzou por constituir un país mellor". Mariví Villaverde destacou o traballo do seu home pola súa terra e manifestou a súa ledicia por unha homenaxe que lle vai permitir "morrer tranquila", segundo ela mesma confesara o día anterior.

Posteriormente, procedeuse á inauguración da rúa que leva o nome do escritor e político silledense que, polos seus ideais republicanos foi represaliado e condeado a 20 anos de prisión en Ávila, quedando tamén inhabilitado como docente. A presentación da vía -ata o de agora chamada Iryda- coa nova nomenclatura estuvo presenciada por preto dun cento de veciños da zona. Un gaiteiro interpretou o himno galego, mentres Anisia Miranda berraba: "Sempre vivo, Ramón!".

Logo, a homenaxe continuou na Casa da Viña, lugar que veu nacer ao político e escritor e onde se descubriu a placa conmemorativa co rostro en relevo de Valenzuela, realizada polo artista silledense Jorge Conde. O humanista e galeguista Isaac Díaz Pardo fixo unha pequena semblanza de quen fora compañeiro de fatigas.

Ausencia da alcaldesa

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, quixo aclarar unhas horas antes a súa ausencia no tributo a un dos fillos ilustres do municipio. "Non imos asistir ao acto, porque na comisión do rueiro [onde se decidiu outorgarlle a rúa a Valenzuela] non se acordou ningunha homenaxe", manifestou. Asegurou que, ao igual que sucedera coa retirada da aguia franquista da Praza da Igrexa de Silleda, "non quixemos facer ningún acto público". Sinala que, non obstante, si houbo colaboración municipal no acto de onte, pois a placa foi sufragada polo concello e colocada por persoal municipal, a petición das asociacións organizadoras. Preguntada ao respecto, Pena aclara que tampouco foi oficialmente invitada á homenaxe e deixa entrever certo malestar polo feito de non selo habitualmente cando veñen á vila cargos autonómicos do Bloque Nacionalista Galego.