| Máis de 500 alumnos do Francisco Asorey e de Ramón Cabanillas participaron onte na Carreira dos Institutos de Cambados, que dende hai uns anos sirve para lembrar a figura do profesor Alejandro Fariña, un dos pais desta tradicional proba. Aínda que se trata dun evento independente das Letras Galegas, serviu para que a víspera desta data se vivise nos dous centros educativos dun modo máis lúdico. Para a xornada de hoxe, a Banda de Castrelo ofrecerá o seu concerto das Letras ás 12.30 horas e ás 20.30 horas haberá teatro no Auditorio, coa peza "Pepa a Loba". En Ribadumia, o Auditorio acolle a gala "Ribadumienses a prol do galego" e un concerto de Luar na Lubre.