Non podemos pensar en lograr unha igualdade real entre persoas, entre homes e mulleres, entre persoas con distinto ton de pel ou distinta orientación sexual, relixión ou procedencia social, se non educamos nestes valores ás nenas e aos nenos. Porén, dende o goberno local podiamos agarrarnos á máxima de que a educación é cousa de pais e de mestres, e de que dentro do colexio as competencias son de Educación.

Podiamos deixar pasar o mandato e limitarnos ó típico, poñer farolas, asfaltar, un murete por aquí, unhas beirarrúas por alá, esas cousas necesarias que todos os gobernos fan, que mesmo poden dar algún voto, pero que nin supoñen un compromiso coa nosa sociedade nin axudan a facer deste mundo un lugar mellor.

Eu non viñen á política para iso, e Somos Ribadumia tampouco naceu para iso. Así que se queriamos avanzar na igualdade das persoas, non podiamos quedarnos nos discursos das datas sinaladas e na zona de confort político.

Os homes que o día de mañá van matar as súas parellas son hoxe nenos inocentes que se están formando como persoas, e é agora cando se lle deben inculcar os valores correctos. Por iso pasamos á acción, primeiro analizando cal era a situación. E vimos que non había ningunha coordinación entre o colexio e servizos sociais, o cal facía difícil detectar e solucionar moitos problemas, que moitas veces teñen a orixe nunha situación familiar concreta.

E actuamos. Tres anos despois, podemos dicir que o traballo feito, as xornadas sobre igualdade, as charlas, as actividades de concienciación, a coordinación fluída entre o colexio e os servizos sociais do concello? Todo iso funcionou e logramos obxectivos. Levamos dous cursos sen apenas problemas,e os que hai soluciónanse en tempo e forma.

*Enrique Oubiña é concelleiro en Ribadumia.