Os versos "Vexo Valga á beira hermosa/ dun camiño todo prata,/ casta virxe candorosa,/sentadiña en chan de rosa,/ vestidiña de escalrata",

pertencentes ao célebre poema "Como chove miudiño" de Cantares Galegos, no cal Rosalía de Castro cita á localidade valguesa, decoran xa as escaleiras principais do instituto desde Concello.

É un dos actos que forman parte da semana dedicada á poeta, anunciándose a inauguración das devanditas escadas para mañá, ás 12.25 horas, coa asistencia do presidente da Fundación Rosalía deCastro, Anxo Angueira.

Estas escaleiras rosalianas "van estar grafadas permanentemente cos versos antes citados, para homenaxear a presenza de Valga na obra dunha das máis importantes poetas da Europa

Romántica", explican no centro educativo.

Pero isto non é todo. O IES de Valga tamén se suma á proposta da Fundación Rosalía de Castro para ofrecer "caldo de gloria", e vaino facer este venres na súa cafetería.

Pódese lembrar que esta proposta nace do poema "Miña casiña, meu lar", no cal a poeta explica como facer un caldo humilde e conta como unha muller que foi de Santiago ata Padrón chegaba á casa mollada e esfameada.

"Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar, / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar", escribeu. A pesar de que carecía de todo e de que os seus avaros veciños lle negaban o que lles sobraba, conseguía o milagre da supervivencia facendo ese humilde caldo de gloria e un bolo do pote.

Na Fundación sinala que "no seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademáis ser feliz".