Leva 14 anos sendo a sombra de Cándido Pazo, un dos mellores directores do teatro galego actual, pero Belén Pichel decidíuse a dar un paso adiante e dirixir a súa primeira obra. Será "A Compañeira de Piso" que se preestreará o vindeiro sábado no Auditorio da Illa de Arousa a partires das 21.00 horas,. Nese escenario levan xa varias semanas ensaiando todos os integrantes do grupo, para afrontar despois unha longa xira por todo Galicia.

"A Compañeira de Piso" nace dun texto de Jen Silverman, descuberto entre Pichel e Lilian Portela, no que converte en protagonista a un tipo de muller que, na meirande parte das obras, sempre é a muller, a nai ou a avoa de, aquela que ten entre 50 e 60 anos de idade. "A obra conta a historia de dúas mulleres que 50 e pico que buscan o seu sitio no mundo e se ras protagonistas da súa vida; está narrada en clave de comedia pero converte á muller en protagonista", explica Pichel. Para dirixir a que será a súa opera prima Pichel vai contar coa colaboración do propio Cándido Pazo, que a está a apoiar nestes inicios, mentres que sobre o escenario estarán Patricia Vázquez e Rebeca Montero. "A verdade é que está sendo moi fácil ata o momento, porque toda a xente que fai escenografía, iluminación e demais son o meu equipo de traballo habitual e iso dache moita confianza á hora de pór en marcha un proxecto como este", explica Pichel. A obra conta a vida destas dúas mulleres, as dúas de pouco máis de 50 anos, ás que a vida as leva a cruzarse; as dúas buscan un cambio de sumo nas súas vidas e adquirir un protagonismo na súa propia vida que a sociedade acostuma a negarlles en moitos aspectos a aquelas que xa alcanzaron esta idade.

A elección da Illa para acoller a preestrea da obra non se trata dunha casualidade. Durante os últimos anos, Belén Pichel ten pasado horas e horas no Auditorio traballando nos ensaios das obras de Cándido Pazó. As facilidades que atopou para ensaiar e poder testear a obra con público antes de que inicie a xira foron determinantes para que se decantase por escoller A Illa para que se convirta no primeiro lugar onde se porá en escena "A compañeira de piso".

Desde as dependencias do Auditorio, Pichel foi testemuña directa de como todas as obras que fixeron a preestrea na Illa acabaron triunfando no panorama teatral galego. A directora agarda que esta máxima "volva a cumprirse outra vez con este traballo" no que puxo moito esforzo para que saíse adiante. As entradas aínda poden adquirirse nos puntos de venta habituais da Illa (Tenda Gradisela, administración de lotaría, e no Bar Museo) ao prezo de 5 euros.

Será o preestreo dunha obra que os levará a viaxar por lugares como Vilagarcía, Muros, Baiona, Santiago de Compostela e outros puntos da xerografía galega.