Nado no ano 1977 na Illa de Arousa, Marcos Nine Búa é un dos grandes referentes do audiovisual da comarca do Salnés ao que avalan varios Mestre Mateo e, desde a semana pasada, un premio María Luz Morales, que outorga a Academia a ensaios sobre o cinema galego, como é o caso de "A película de Autos", un relato sobre a película "Al nasr altair" de José Ernesto Díaz-Noriega.

-¿Que conta "A película de autos", o seu último traballo premiado?

-Céntrase na historia dunha película, "Al nasr altair" (nome en árabe da constelación da Aguia), un traballo do cineasta José Ernesto Díaz-Noriega. Na posguerra española había certa crenza de que Franco escollía aos seus ministros entre os seus xenerais. É por iso que cando nomea teniente xeneral a un militar de Carballo, no Concello deciden facerlle unha homenaxe a un potencial ministro. Dous funcionarios dese Concello filman e graban en casette o pleno e encárganlle a Díaz-Noriega o traballo de darlle forma. Agardaban que fixese un documental tipo, pero Noriega, que se movía en ámbitos de crítica ao poder a través do humor, elabora unha película hilarante, con pequenos "sketchs" publicitarios que pon en boca de diferentes persoeiros da época.

-Aquilo puido saírlle moi caro

-Pois é curioso, pero quen denunciou os feitos foi o propio cineasta, porque non lle pagaron o traballo. No ensaio abordo partes da sentencia, que é sumamente chamativa, xa que en pleno franquismo hai unha sentencia que recoñece os dereitos de autor por unha obra na que se fai crítica das forzas vivas da época, algo moi curioso nestes momentos nos que se está a xudicializar o mundo da cultura.

-Semella que nalgúns aspectos se involucionou, incluso, frente ao franquismo.

-Si, é un feito que involucionamos como sociedade frente á crítica. Na actualidade hai moita xente que considera que os discursos disidentes son criminais. É algo que callou na conciencia colectiva.

-¿A qué se pode deber este feito?

-É un problema político. Está claro que non chegamos a esta situación en dous días, senón despois de moitos anos de irresponsabilidade do discurso político. Cando as túas claves políticas se basean en condenar e criminalizar o discurso do contrario acaban ocorrendo estas cousas. É algo que se institucionalizou, independentemente da ideoloxía, porque todos teñen moito que rascar neste senso, no de tentar sacar rédito a través dun discurso culpabilizador do contrario. Penso que igual de abominable é meter a uns titiriteiros no cárcere como parar o autobús transfóbico como se fixo.

-Volvendo á figura de Díaz-Noriega ¿Como chega vostede a esta película?

-Hai xa uns cantos anos fixen un documental sobre o autor pero non puiden incluila nese traballo porque me pareceu un tema moi potente como para minimizalo, así que a deixei para outro momento porque me parecía un filme fascinante que daba para un traballo en exclusiva. Ao final, estes premios de ensaio foron a excusa perfecta para lanzarme a facelo e animarme a sacalo adiante.

-¿Cal é a importancia dunha figura como Díaz-Noriega no cinema galego?

-É unha figura que tivo un importante peso e que estivo ben relacionado coas xeracións de directores dos anos 70 e 80. Sen embargo, en Galicia temos un grave problema: non temos un relato da nosa cultura. No momento en que pasan dúas xeracións, pérdese o contacto e persoeiros destacados pasan a ser practicamente uns descoñecidos, dando a sensación de que comezamos de cero. Penso que por iso son importantes estes premios académicos, porque nos permiten obter ese relato da nosa cultura que nos falta. Díaz-Noriega foi un personaxe que debería ter tido unha gran importancia no cinema galego, pero esa falta de memoria, que provoca grandes vacíos, levou a que fose esquecido.