As xornadas "Xénero e Diversidade Afectivo-Sexual nas aulas " organizadas pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía rematan hoxe cunha programación á que asistirán un cento de persoas, entre docentes, educadores e membros das Anpas. Logo da conferencia a dúas bandas entre a educadora social Elisabet Pérez e a psicóloga Raquel Cordeiro, dará comezo unha mesa de boas prácticas (ás 18.45 horas no Auditorio) na que participará Paloma García, profesora no IES Castro Alobre e artífice, xunto con Mariola Rodríguez, do primeiro Grupo de Diversidades Afectivo-Sexuais no ensino do Salnés.

- Por qué decidistes no IES Castro Alobre poñer en marcha unha aula sobre xénero e diversidade sexual?

-O grupo botou a andar en marzo. En primeiro lugar, porque segundo a Lomce hai que atender e dar visibilidade a colectivos de lesbianas, gais, intersexuais, etc. para conseguir a súa normalización e a súa non discriminación. A invisibilidade na que en certos ámbitos seguimos metidas e sometidas é un xeito de discriminación. É certo que nunca soubemos de ningún caso de violencia ou acoso no centro neste senso, pero cando rematan o instituto falas cos rapaces e cóntanche... Era necesario atender a todos estes colectivos. Chamounos moito a atención que na primeira reunión do grupo apareceron 23 chicos e chicas, todo un éxito. A día de hoxe teño 43 persoas na conta de correo que se informa de todo o que facemos. É un grupo aberto, aquí non se lle pregunta a ninguén nada, tamén poden participar heterosexuais. Non se cuestiona a ninguén sexa cal sexa a súa identidade sexual.

- Por dónde comenzastes a traballar?

-A primeira actividade que fixeron os alumnos foi dar a coñecer o grupo en todo o instituto. Fixérono por parellas para visitar cada grupo, que son trinta en todo o centro. Participaron dous críos de primeiro de ESO. Unha rapaza de primeiro de Bacharelato declarouse bisexual na aula e deste xeito tiveron un referente que antes non tiñan.

- A discriminación por razón de identidade sexual segue a existir na nosa sociedade?

-Dende logo. Hai un repunte de machismo, que inclúe o control entre parellas, a violencia entre parellas adolescentes, ... Vai todo no mesmo saco. O machismo inclúe tamén os insultos de marimacho, maricón... Intentamos educar para que isto non suceda, pero tristemente o machismo está moi normalizado entre os adolescentes.

- Hoxe vostede vai contar a experiencia no Castro Alobre. Pode adiantar algo?

- Vou facer un resumo da lexislación, que en Galicia ven tarde e é escasa. Temos a obriga ética e profesional de desenvolvela. Existen dous protocolos: un de igualdade e outro de identidade de xénero. Este último é o que está pensado para atender as necesidades do alumnado transexual de calquera idade para garantir que non sexa tratado dun xeito discriminatorio, que non sempre se está facendo.

- Ademais da discriminación dos colectivos LGTB por parte de rapaces, tamén a sofren por parte do profesores? O personal docente está formado neste eido?

- A Xunta non está ofrecendo a suficiente formación. Calquera tipo de formación de xénero é voluntaria pola nosa parte, e o interés non é tan grande como debería de ser.Si existe discriminación? No noso instituto a día de hoxe non está permitida. Levamos tantos anos traballando en igualdade de xénero que ninguén se atreve a facer ningún comentario público sobre discriminación de xénero.

- E noutros centros?

- Non lle podo dicir. Sí podo dicirlle que somos o cuarto ou quinto centro de Galicia que facemos un grupo destas características. E no Salnés, o primeiro.

- Cáles son os principais problemas que tratan no Grupo de Diversidades Afectivo-Sexuais?

- O primeiro tema que escolleron foi o dos métodos para evitar enfermidades de transmisión sexual. Foinos moi difícil atopar métodos de barreira, nas farmacias de Vilagarcía non encontramos láminas de látex de protección bucal e tívemolas que comprar por internet para levalas á reunión cos rapaces. O segundo tema que elixiron foi como plantexar a súa sexualidade nas súas casas. Moitas familias non o asumen e os rapaces pásano mal. Entón falamos de como dicilo, etc.