14 de abril de 2018
14.04.2018
Tribuna Libre

Capital do Albariño

14.04.2018 | 03:09

Se preguntamos en Galicia cal é a capital do viño albariño, seguramente a resposta que nos darían os preguntados sería Cambados.

Non dirían outro nome. O noso municipio está identificado co albariño por méritos propios. Foi o seu berce e segue a ser a súa casa.

Aquí lévase producindo e promocionando o mellor viño branco do mundo dende fai máis dun século.

Nesta comarca residían os pioneiros e viven os seus principais valedores. Así, máis do 75% dos viticultores e do 65% da produción da Denominación de Orixe Rías Baixas son do Salnés.

Por outra banda, dende fai 66 anos celebramos o principal acontecemento de promoción deste viño: a Festa do Albariño. Cuxa fama e prestixio deben ser coidados, co esforzo e co traballo de todos os que participan na súa organización, respectando as dúas almas da festa: a popular e a profesional.

Porque a festa cambadesa por excelencia ten sido fundamental para dar a coñecer o viño albariño, un dos mellores viños do mundo, con recoñecido prestixio alén das nosas fronteiras.

Xa que logo, parece difícil de entender que a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas estea situada noutro concello que nos sexa o de Cambados.

Nunha cidade, como é a de Pontevedra, que nin sequera forma parte da denominación de orixe; o que constitúe un feito insólito que non sucede en ningunha outra zona de produción vinícola española.

Por todo iso, a nosa reivindicación é completamente lóxica; está baseada na historia e nos datos actuais, e resulta totalmente xusta e lóxica.

Non se trata dunha disputa con Pontevedra nin co equipo directivo do Consello Regulador. Non buscamos enfrontamentos políticos nin polémicas sen fundamento.

Queremos o mellor para os intereses dun sector tan importante para Cambados, defendendo tamén a lexítima vontade dos veciños e veciñas aos que representamos.

Simplemente, pedimos o que, por historia, por tradición e por xustiza, o Concello de Cambados merece e lle corresponde.

*Constantino Cordal é concelleiro de Somos no Concello de Cambados.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL VOLTA AO COLE

Os máis pequenos poderán gozar mañá pola tarde con inchables e xogos nunha velada animada por Javi Solla

 
 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia