Corría o ano 1996 cando un grupo de mozos de toda Galicia decidía pór en marcha un proxecto orientado a recuperar parte do legado musical tradicional, ese sobre os que se asentan as bases dunha cultura, e dalo a coñecer cunha serie de arranxos que permitisen a súa chegada ao gran público. Así nacía "Fiandola", unha aposta que, vinte anos despois, aínda permanece viva e que o vindeiro sábado, saltará ao escenario do centro cultural A Ponte Vella de Reis, en Teo, para lembrar as súas principais composicións en compañía de moitos dos que foron os seus integrantes. A cita será a partir das 21 horas, e rematará nunha gran foliada na que lembrarán temas que soaron nun sinfín de localizacións nos últimos anos, entre elas, a comarca do Salnés.

Da formación inicial tan só quedan Francisco López e Alberto Barreiro "Warren", un rapaz de Moaña que deixou a súa pegada por toda Galicia en forma de profesor de música e baile tradicional. Entre esos lugares nos que ensina atópase A Illa de Arousa, onde exerce como mestre da sección de música tradicional da asociación cultural e deportiva Dorna desde hai máis dunha década. Xunto a eles os dous, a formación actual complétase con Santiago Budiño, Manolo Cobas, Marcos Saborido "Kinhos", Antón Suárez e Pilar Gonçalves.

Durante estos vinte anos de existencia, a base sobre a que sempre traballaron foi a música tradicional, nutrindo os tres discos que posúen con pezas rescatadas do esquecemento en puntos de toda Galicia, desde As Nogais ata a Arousa ou desde Pazos de Borbén ata Ourense. A elas súmanse algunhas pezas de composición propia en cada un dos tres traballos que grabaron.

A súa música tamén traspasou o Padornelo, para participar en festivais folck celebrados en Navarra ou Cantabria, entre outros puntos da península, dándose a coñecer dentro dese mundo.