Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Uxía Senlle: "Coido a melodía como forma de relanzar e respectar unha letra"

A poderosa voz da artista mosense chegará á Xunqueira este martes

A artista galega Uxía durante unha actuación. // Iñaki Abella

Unha das principais voces do panorama musical galego soará este martes en directo na Xunqueira. A mosense Uxía comezará ás 23 horas unha actuación na que o folk máis próximo permitirá que os asistentes teñan a oportunidade de vibrar e emocionarse cunha artista de ampla traxectoria e éxito internacional.

-Leva moitos anos sobre os escenarios, pero ¿que outras tarefas e actividades profesionais enchen a súa vida?

-Todo está orientado a este mesmo sector. Fago crítica musical e, en diversos momentos, participei en programas de radio, producín discos e din clases de cantos populares, entre outras cousas.

-Tamén participou na plataforma Nunca Máis como voceira. ¿Como se reflicte hoxe en día todo aquel movemento?

-Penso que marcou un antes e un despois e está moi presente hoxe en día. Entón comprendimos que a pasividade só conduce á frustración. A participación activa pode darlle a volta a todo. Saír ás rúas supón converterse en corresponsables do noso devenir. Por iso prevalece o sentimento de que somos un pobo que estivo no seu lugar.

-¿A defensa da identidade ou a búsqueda do enxebre son algúns dos obxectivos do seu traballo?

-Procuro recoller e transmitir o amor polo noso, polo que nos identifica. Existen xéneros musicais extraordinarios que se deben reivindicar como parte da nosa idiosincrasia, que se trata, a fin de contas, dunha maneira peculiar de estar no mundo. E, por suposto, quero amosar que a nosa música posúe unha importante universalidade, é dicir, que pode chegar a calquera persoa.

-¿Coida a súa voz dun xeito especial?

-Máis que nada tento descansar e durmir, que non sempre é posible neste mundo dos concertos. Por outro lado, son moi faladoira. Pero non fago nada especial para coidar a gorxa. O que si me gusta é evitar produtos demasiado fríos e tomar moitas infusións, principalmente de xenxibre, mel e tomiño.

-No momento de compoñer as cancións, ¿traballa primeiro coa melodía ou co texto?

-A partes iguais. Gústame moito cantar ós poetas, polo que presto moita atención á melodía como forma tamén de relanzar unha letra. É un xeito de respectar ese texto, considero que a música debe apoiar a propia respiración do poeta, aínda que esa melodía tamén conta cun peso determinente.

-Algunhas das súas canción esixen certo nivel de introspección e convidan a abstraerse. Neses intres, ¿conéctase co público precisamente a través do ensimismamento?

-Pode acontecer ás veces que se produza esa paradoxa. Canto máis te recollas, máis podes conectar coa xente nalgúns casos concretos. Iso é habitual no fado, que é puro intimismo e require que, para acadar a sintonía co público, o intérprete conecte primeiro consigo mesmo.

-Conte algún soño que lle queda por cumprir en relación coa música.

-Se cadra visitaría algúns países que, de momento, aínda están fóra da nosa ruta, e hai posiblidades reais de facelo algún día. Encantaríame actuar en moitas zonas de África, que é o berce de todo.

-¿Pode adiantar algo do concerto que dará en Vilagarcía?

-Haberá sorpresas e colaboracións especiais. Como pista, direi que uns artistas moi ligados a esta comarca, e que formaban parte dunha banda que xa desapareceu, participará na actuación deste próximo martes pola noite no escenario da Xunqueira.

Compartir el artículo

stats