Unha xornada remarca a pegada de “Sempre en Galiza” na nosa cultura

O Museo acolleu o encontro da Fundación Castelao

Inauguración da xornada sobre “Sempre en Galiza”.   | // RAFA VÁZQUEZ

Inauguración da xornada sobre “Sempre en Galiza”. | // RAFA VÁZQUEZ

S. R.

A Fundación Castelao celebrou onte en Pontevedra o 80 aniversario da publicación de “Sempre en Galiza” cunha xornada que remarcou a decisiva importancia desta obra para a nosa cultura.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, lembrou na inauguración que o manuscrito orixinal “dun dos testemuños mais destacables da actividade de Castelao, no que da voz ao momento que vivía o noso pobo, as súas dores e esperanzas”, conservase no Museo. Tamén lembrou que esta institución cultural “conta con duas salas centradas en Castelao, sen o cal non se entende o pasado século en Galicia nin o propio Museo”.

A xornada incluiu unha conferencia sobre “O retorno da obra de Castelao a Pontevedra”, a cargo da directora do Museo de Pontevedra Ángeles Tilve Jar. A continuación, Xosé Manuel Dasilva, catedrático do departamento de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo afondou nas “Edicións, prohibicións e censuras de Sempre en Galiza” e Natalia Crecente, da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón detívose en “Castelao e a construción dunha tipografía galega”. Finalmente Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao impartiu a conferencia “De non sempre en Galiza a Sempre en Galiza” e Diana Santiago, secretaria da Fundación Castelao, moderou unha mesa redonda coas persoas que participaron no encontro.