“Bótalle un conto” chega ao seu fin este domingo cunha gala especial no Principal

O teatro pontevedrés acollerá unha gala na que participarán dez contadores de historias de varias parroquias de entre 42 e 88 anos

Alberto Oubiña amosa o cartel da iniciativa, o ano pasado.

Alberto Oubiña amosa o cartel da iniciativa, o ano pasado. / FDV

O Teatro Princial de Pontevedra acollerá este domingo, a partir das 19 horas, a final de “Bótalle un conto”. A entrada será de balde ata completar aforo.

O programa municipal chega ao seu fin logo de once días de gravacións polos distintos centros sociais das parroquias e da cidade, logrando contar cun total de 50 participantes, 45 mulleres e cinco homes de entre 27 e 93 anos.

Dez destas persoas estarán na final. Trátase de participantes de entre 42 e 88 anos e son de Santa María de Xeve, Verducido, Salcedo, Cerponzóns, Ponte Sampaio, Bora, Mourente, Marcón e do centro da cidade. Contarán historias de vida, anécdotas e temas diversos.

A gala estará conducida por Mar García Vendrell e José Pintos Alsina. Ademais, contará coa colaboración de Celso Fernández Sanmartín.

Cómpre lembrar que “Bótalle un conto” naceu no ano 2022, impulsado polo Concello de Pontevedra como un certame de contos orais relatados por persoas non profesionais. Esta iniciativa de normalización lingüística busca prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a lingua galega.

A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais.