Correlingua toma as rúas de Pontevedra en defensa da lingua con máis de mil cincocentos escolares

Os cativos puideron desfrutar dunha andaina e unha merenda que rematou cun concerto

Antonio Santos

A Alameda de Pontevedra convirtiuse na mañá deste mércores nun lugar de defensa do galego, coa celebración dunha nova edición do Correlingua.

Impulsado pola Asociación Cultural Correlingua, en colaboración coa CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, este evento escolar mobilizou a máis de 1.500 escolares de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial da cidade de Pontevedra e concellos como Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa e Portas.

Foron eles os protagonistas, con lemas pola defensa do galego e debuxos con palabras bonitas do idioma, os que emprenderon, acompañados polos seus mestres e mestras, unha andaina polas rúas de Pontevedra con comezo e remate na Alameda. Acto seguido, os nenos e nenas fixeron unha merenda e desfrutaron dun concerto á sombra do céntrico parque pontevedrés.

A cita celebrada en Pontevedra foi a segunda dunha semana completa de actividades do Correlingua en toda Galicia, que comezou o martes en Ferrol e seguirá en Moaña e Compostela o xoves e o venres. Na próxima semana, será a quenda en lugares coma Monforte, Lourenzá e A Estrada.

O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, que saudaron a mocidade e animaron aos cativos a facer un uso continuado do galego, do cal louvaron as súas posibilidades.