Logo das “Andainas de Primavera”, que contaron hai uns meses con máis de 150 persoas inscritas, a Concellería de Mocidade están a piques de estrear as “Andainas de Outono”, que darán comezo este domingo, 2 de outubro, cunha saída guiada á Senda do Barragán, no municipio de Pazos de Borbén. A concelleira responsable da área, Rosa Fernández, lembra que esta excursión tivera que ser adiada na parte final da anterior programación por mor das inclemencias meteorolóxicas.

A iniciativa mantén o espírito da estreada antes do verán. Deste xeito, as inscricións seguirán sendo gratuítas e se poden realizar na Casa Rosada ou chamando ao 986872401. Tan só será preciso depositar previamente unha fianza de 10 euros, que será devolta ás persoas anotadas no momento da saída. A visita deste domingo iniciarase ás 9.30 horas, con retorno á hora de xantar. Ao tratarse dunha senda de dificultade media, recoméndase que só se anoten persoas sen problemas de mobilidade.

Unha das novidades que se introducen nas “Andainas de Outono” é que se apostará pola posta en valor do propio municipio. É por iso polo que xa están programadas tamén excursións guiadas por paraxes de Poio, como poden ser as sendas litorais do Laño ou a de Lourido.