A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, convoca para hoxe unha asemblea veciñal ás 21.00 horas na Alameda de Seixo para informar “da situación dos centros de saúde de Seixo e de Marín neste momento, así como do “grave problema das urxencias do PAC no concello e no Hospital Montecelo e das novas protestas despois dun ano de loita por unha atención sanitaria digna”.

O acto iniciarase cunha asemblea ao que lle seguirá a presentación “do monumento a un ano de loita veciñal, unha estrutura artesanal, feita pola plataforma na que a veciñanza poderá verse reflectida”. Para remate actuará o grupo musical marinense A Revolta.

Con este acto, a Plataforma pretende “facer visible o ano de protestas que protagonizaron os veciños do concello de Marín: dende a manifestación multitudinaria de Seixo, á concentración en agosto diante do concello ou as mesas de reclamacións, os carteis nas casas e comercios, asa mocións, as asembleas veciñais, a cadea humana polo centro de Seixo, a manifestación en Santiago, as pancartas en diferentes lugares de Marín, a denuncia á Valedora do Pobo ou a manifestación polo casco urbano”.

Do mesmo xeito, dende a Plataforma salientan “o conseguido neste tempo, a comezar porque a Xunta non conseguise pechar o centro de saúde e deixarnos sen ningún médico como pasou e pasa noutros centros de saúde da área sanitaria Pontevedra e O Salnés”.

Dende a Plataforma apuntan ademais que “as protestas veciñais serviron para presionar e que se cubrise a tempo completo a segunda praza de enfermería que quedara vacante por xubilación en Seixo, que se cubrisen dúas prazas de medicina de familia vacantes en Marín, aínda que sigan faltando máis por cubrir, e que nos mandasen un remendiño de dous días á semana durante uns meses, para tentar parar as protestas e que eliminaron este verán”.

Dende a Plataforma lembran que “mobilizarse contra os recortes é necesario porque quedando na casa perderiamos o máis valioso que temos que son os servizos públicos a comezar polo dereito á saúde”.