O Concello de Caldas de Reis valora a extensión da fibra óptica a todo o termo municipal, para dotar deste servizo a zonas de difícil acceso. Por este motivo, o alcalde, Juan Manuel Rey, e o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, reuníronse cos representantes da empresa Áurea Telecom, que acaba de abrir unha nova oficina e proponse organizar accións formativas en materia de informática e uso de aplicacións móbiles para persoas maiores, e de ciberseguridade para o conxunto da poboación, entre outras iniciativas e emprendementos.

Áurea Telecom é unha empresa de Ponte Caldelas, 100% galega, fundada no ano 2017, que ofrece os servizos de fibra óptica, telefonía móbil e fixa; ademais de comercializar enerxía eléctrica. En Ponte Caldelas a empresa conseguiu achegar a todos os lugares do concello a fibra óptica de ata 600 Mb.