A produtora Eva Alonso acaba de ser nomeada nova directora da feira das industrias culturais Culturgal. Esta cita anual da cultura galega celebrará a súa edición número 15 neste 2022, do 25 ao 27 de novembro en Pontevedra.

A directiva da feira, integrada pola Asociación Galega de Editoras, AGEM, Agapi, Escena Galega e Eganet, seleccionou o proxecto de Eva Alonso, nada en Santiago de Compostela en 1982, como “o máis acaído para a etapa de renovación do modelo feiral”.

Destacan que conta cunha extensa experiencia na produción tanto en artes escénicas coma no audiovisual dende hai dúas décadas, é socia da empresa cultural Chiripa e responsable de varios documentais.

“Coa incorporación da nova dirección”, suliñan desde Culturgal, “a edición 2022 da feira ponse en movemento para desenvolver durante o verán as diferentes liñas de traballo”.